Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Meténdose de cheo na campaña electoral

Michael Moore estrea na rede, e de balde, o seu último filme

Slacker Uprising é o título do documental sobre as eleccións presidenciais de 2004 nos EUA. O cineasta pretende con el animar os mozos a votar, mellor polos demócratas.

Redacción - 12:20 24/09/2008
Cartaz do filme

Cartaz do filme

O controvertido cineasta norteamericano, Michael Moore vén de estrear na internet (e de balde), a últimas horas desta terza feira, o seu último filme documental sobre as eleccións presidenciais de 2004, as que lle deron, novamente, o poder a George W. Bush.

O filme, titulado Slacker Uprising, supón a entrada directa de Moore na campaña electoral, xa que con este traballo pretende instar aos mozos estadounidenses a votar nas eleccións presidenciais de novembro, preferentemente aos demócratas. Ademais, é a primeira vez que Michael Moore emprega a rede para distribuír o seu traballo; segundo el a idea era facerlle "un agasallo aos meus admiradores".

"Os vosos pais votaron a Bush. Só vós podedes mudar América "
Slacker significa nugallán, preguiceiro, aínda que o título deste filme poderíase traducir máis ben por A revolución ou O Levantamento dos slackers, palabra que, neste contexto, significa individuo (home ou muller) entre os 18 e os 30 anos que normalmente non vota e que debería facelo desta volta, preferentemente por Barack Obama.

No 2004, o cineasta comezou un tour polas universidades de 62 cidades dos EUA coa intención de conseguir o votos dos mozos e mozas para o candidato demócrata John Kerry, coa axuda de persoas coñecidas polos universitarios, coma os actores Viggo Mortensen e Roseanne Barr ou a cantante e activista Joan Báez. Na fita explican: "Os vosos pais votaron a Bush. Só vós podedes mudar América ".

Houbo unha primeira versión de Slacker Uprising, titulada Captain Mike Across America, que se estreou o ano pasado no Festival Internacional de Cinema de Toronto. Para a segunda e definitiva copia, Michael Moore decidiu recomprar os dereitos de distribución do filme e mudar o xeito tradicional de movela por un sistema que se adapta mellor á súa idea de distribución: na rede e de moca. A idea é que a vexa o maior número de persoas posíbel, aínda que, como di o seu colega Robert Greenwald, "acaba bastante mal".

Mais este non é o único filme que nestes días de campaña ha chegar aos cinemas de medio mundo. Tamén anda por aí o último traballo de Oliver Stone, unha biografía non autorizada de Bush, titulada W. Alén dun outro filme, CSNY/Déjà vu, do músico Neil Young, unha mensaxe antibelicista e contra o goberno de Bush.


5/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Retallo do filme, enteiro pódese descargar en www.slackeruprising.com

Detalle da web onde se pode visionar o último filme de Moore
Detalle da web onde se pode visionar o último filme de Moore
Michael Moore sen a súa mítica gorra
Michael Moore sen a súa mítica gorra