O equipo da modesta produción, rodada sen financiamento, defínea como "a película galega máis bizarra do século XXI".
Maldito Bastardo! rodouse ao longo de tres anos debido, principalmente, ao seu inexistente financiamento. Trátase dunha longametraxe dixital, cento por cento galega e independente, dirixida polo mozo compostelán Javi Camino e protagonizada por Juanillo Esteban, Pilar Miguélez e Tamar Novas. Malia aos seus modestos medios, o filme está colleitando numerosos éxitos en festivais dedicados ao cinema fantástico, tanto no Estado Español coma noutros países. De feito, obtivo o premio á mellor película no festival italiano Fearmament.
O equipo da película vén de regresar de Holanda, onde participou no BUT Film Festival. Agora prepara as maletas para viaxar a Cataluña, ao Festival Internacional de Sitges, un dos puntos clave do cine fantástico mundial. A película proxectarase o día 9 de outubro dentro da sección 'Midnight X-trem', unha das máis queridas polos asiduos ó festival, caracterizada por ser lugar de encontro para as propostas máis exóticas e radicais do cine de xénero dos últimos anos.
Maldito Bastardo! é unha historia real chea de violencia e loucura, "poboada por doutores chiflados, garrulos salvaxes, androides teledirixidos, porcos mecánicos e deidades de peluxe". Unha historia onde o verídico acabará "fundíndose coas invencións e distorsións propias dun narrador senil, creando un conxunto totalmente inverosímil".