Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Comeza a 63ª Asemblea Xeral

Bush esquece a crise e ataca a Irán na súa despedida de Nacións Unidas

O estadounidense é un dos case 200 xefes de Estado que se reúnen na xuntanza do organismo internacional, que este ano se centra na economía.

Redacción - 19:45 23/09/2008
O secretario xeral da ONU; Ban Ki-Moon na Asemblea Xeral do organismo

O secretario xeral da ONU; Ban Ki-Moon na Asemblea Xeral do organismo

Esta terza feira comezou a 63ª Asemblea Xeral da ONU, en Nova York, reunindo a máis dun cento de xefes de Estado para tratar temas globais, pero centrándose, sobre todo, na crise internacional. Especialmente duro foi o discurso de apertura do secretario xeral, Ban Ki-Moon, que criticou a "fe cega na maxia dos mercados" ao tempo que avogou por un "liderado mundial" para fuxir da recesión económica.

O diplomático dixo que o que o mundo precisa é "restaurar a orde nos mercados financeiros internacionais", mais sen fixarse nas pequenas miserias, e si cunha ollada global. Cómpre, dixo, que non se poñan en perigo os Obxectivos do Milenio que a ONU estabeleceu hai oito anos, para reducir á metade deica 2015 a pobreza mundial. Neste sentido, chamou a todos os Estados membros a desenvolver un "espírito de colaboración, no canto de confrontación".

Case sen tocar a crise e atacando a Irán
Mais un dos momentos máis agardados desta Asemblea era a comparecencia de George W Bush, presidente de EUA que se despedía con esta a súa derradeira comparecencia na ONU dos países membros.

O ton de Bush foi extraordinariamente discreto, moi distinto do adoptado á súa chegada á Casa Branca durante as comparecencias ante o organismo internacional. O presidente de EUA pasou con pés de la sobre o tema da crise económica e só fixo referencia ao plan presentado polo seu goberno para tentar atallala.

Foi na política internacional onde centrou a maior parte do seu discurso. Amosouse especialmente belixerante con Mahmud Ahmadineyad, presidente de Irán, a quen acusou de estar embarcado nun programa nuclear denunciado pola comunidade internacional. Tamén se pronunciou contra Corea do Norte, relacionando o país coa proliferación nuclear, e contra Siria, onde dixo, seguen a promover o terrorismo. Neste sentido, pediulle á ONU que adoptase sancións contra estes países.

A "necesidade" de darlle forza á ONU
Antes de se despedir, Bush tamén quixo destacar que a ONU e outras institucións multilaterais son hoxe "máis necesarias e dun xeito máis urxente ca nunca" polo que debemos, segundo dixo, "fortalecelas", de tal xeito que, no canto de "aprobar resolucións contra os atentados terroristas" consigan "aprobar máis resolucións para que eses atentados non se produzan".

Este ano, o presidente norteamericano non ten apenas xuntanzas previstas durante a Asemblea. Tan só manterá unha xuntanza con Ban Ki-Moon para falar de asuntos como a reforma da institución, e as crises de Xeorxia e Cimbabue. Reunirase tamén co novo presidente de Paquistán, Asif Ali Zardari, nun momento en que ambos os dous países están enfrontados polo conflito en Afganistán.


1/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: