Arredor de 175 deportistas gozarán das súas instalacións este ano. O 20 por cento deles é a primeira vez que viven esta experiencia.
A directora xeral para o Deporte, Marta Souto, inaugurou esta segunda feira o curso escolar 2008-2009 do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) de Pontevedra. No acto, a máxima responsábel do Deporte Galego estivo acompañada pola delegada en Pontevedra da Consellaría de Cultura e Deporte, María Xesús López Escudeiro, e polo director do CGTD, Telmo Silva.
Durante a súa intervención, Souto resaltou o "enorme" esforzo que está facendo a Consellaría de Cultura e Deporte, en colaboración cos clubs e as federacións deportivas de Galiza, para que a formación dos futuros deportistas galegos sexa da mellor calidade posíbel. Neste sentido, a máxima responsábel do Deporte Galego dirixiuse aos alumnos para animalos e dicirlles que o traballo que se fai CGTD está encamiñado a que "no futuro" todos eles e elas cheguen a facer parte "desa lista de deportistas que tamén se formaron neste centro e que agora triunfan tanto nas competicións estatais como nas internacionais".
175 deportistas e novos adestradores e programas
Neste curso de xa comezou, o CGTD contará con 175 alumnos, dos que case un 20 por cento son deportistas de nova incorporación, que pasan o seu primeiro ano no Centro. Neste tempo hanse impartir programas de tecnificación deportiva desenvolvidos por nove federacións deportivas galegas.