Un novo festival con gana de continuidade abrocha na comarca da Ulloa da man da Asociación Cultural O Teixo e dos rapaces da zona.
Monterroso non contaba con ningún festival de música de seu, á parte do xa desaparecido Rock no Camiño. Segundo Manuel Pacior, da Asociación Cultural O Teixo, esta primeira edición arranca con forza "coa intención de se consolidar para anos vindeiros como festival organizado para bandas novas e grupos que empreguen o galego".
Polo momento, e por unha demora na concesión das axudas, o festival deste ano coincide coas festas de Monterroso na penúltima fin de semana de setembro. O sábado 27 haberá actuacións repartidas en dous escenarios onde a música non se vai deter un intre para aproveitar ao máximo o tempo.
"Foron os rapaces da zona os que comezaron a mover isto, porque aquí non había nada semellante a un festival de música, agás un concerto o ano pasado". Este ano repiten tres das bandas que tocaron na festa do verán de 2007, no único precedente de algo similar ao Sitio Distinto.
Pacior explica por que este ano hai dous escenarios. "Catro bandas viñeron a tocar de balde en 2007 cando non había cartos ningúns, e como desta volta si podemos pagar, voltamos a convidalos en agradecemento polo xesto do ano pasado".
As bandas que repiten este ano e que van tocar no Escenario 2 son os composteláns Novedades Carminha, o Leo i Arremecághona e os monterrosinos Xenro e Nemetos.
No Escenario 1 han actuar os Ataque Escampe de Compostela, Nadadora de O Grove, Os Tres Trebóns e Galegoz.