Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
FESTIVAL GALEGO DE CABARÉ, NA CORUÑA

Sete días de boas, plumas e maquillaxe

O Teatro Rosalía, o Fórum Metropolitano, as rúas da cidade, e bares como o Alfaiate, o Flotante, o Novembro ou o 14! acollerán os espectáculos.

Redacción - 12:20 22/09/2008

O III Festival Galego de Cabaré chega esta semana á súa recta final. Do 22 ao 28 de setembro organiza ducias de espectáculos por distintos espazos da cidade, completando meses de actividade, que comezaron coas mostras de fotogrfía e cartelismo de Expocabaré'08 e os obradoiros formativos de Aulacabaré'08. O Teatro Rosalía, o Fórum Metropolitano, as rúas da cidade, e bares como o Alfaiate, o Flotante, o Novembro ou o 14! acollerán os espectáculos, dirixidos por Nelson Quinteiros. Haberá café cantante, cabaré circense, cabaré contemporáneo, cabaré de garaxe ou vampírico, cabaré con estética pin-up, cabaré de rúa, até chegar a unha grande gala orquestada por Guillermo Weickert.

Entre os artistas e grupos participantes destacan Detòur e o seu Jazz de Confiansa, Pista 4 e o Cabaré Pista4, Mariclown con A vida de Rosa, Femme Fatale estreando o espectáculo Varadas, Ruso Negro e o seu Concerto italiano, A Familia Crowley estreando Casei cun vampiro, Gabriella Sacaúntos en Gabriella Forever, Almacabra co seu Black Cherry Burlesque, CaBaRéDeAmBuLaNtE, a St James Street Band, Guillermo Weickert, Sue Moreno, Carla de Figueredo, Yolanda Paz, Enma Silva, Nelson Quinteiro, Nuria Sotelo e até un Dillei Cosmonauta.

O Café Cantante levará cada noite, entre o luns 22 e o xoves 25, un espectáculo diferente a un bar da cidade, comezando polo Alfaiate, e pasando polo Flotante, o Novembro, até chegar ao 14. Iso será á noite; porque á tardiña o Fórum Metropolitano acollerá os espectáculos de maior formato. O sábado 27 o espectáculo trasladarase á rúa, cun espectáculo no que seis artistas da Compañía Femme Fatale irrompen con coreografías, xogos e moito descaro na vida cotiá, a ritmo de jazz tradicional da man do cuarteto vigués St James Street Band.

Para o remate do III Festival Galego de Cabaré prepárase unha grande gala multidisciplinar na que se presentan diferentes aspectos e disciplinas das artes escénicas que podemos enmarcar dentro dun espectáculo de cabaré: cabaré puro e duro da man da Compañía Femme Fatale, acrobacias aéreas con Sue Moreno, malabares da man de Yolanda Paz, danza contemporánea con Guillermo Weickert ou Nuria Sotelo, monólogos e máis cousas con Enma Silva ou Vanessa Rivas e voz da man de Nelson Quinteiro ou Carla da Figueredo, artistas invitadas e máis sorpresas nunha gala dirixida polo creador e coreógrafo Guillermo Weickert. Será o domingo 28, no Teatro Rosalía de Castro, a partir das nove da noite.


3/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: