O presidente do goberno de Euskadi condena os atentados das últimas horas, e anuncia que non van "renunciar á política".
"Os atentados cada vez dannos máis noxo"
Nunha declaración institucional, o presidente do goberno vasco, o lehendakari Juan José Ibarretxe, condenou os últimos atentados en Euskadi e Cantabria, presumibelmente cometidos por ETA, asegurando que "cada vez dannos máis noxo". "Para que serven? Para nada", sentenciou, e advertiu que "cada bomba afástanos do proceso negociador".
No entanto, sinalou que non van renunciar á política: "Seguiremos utilizando a Policía e a Xustiza, mais non renunciaremos á política". Neste senso, Ibarretxe aludiu ás conversas que mantiveron o goberno español e mais ETA durante o último proceso de paz, dicindo que non se pode defender unha vía e despois dun día para outro exixir ao resto que evite este camiño.
Ademais, respecto das críticas do presidente da Comunidade Autónoma de Cantabria, Miguel Ángel Revilla, nas que pedía "mirar máis arriba" do atentado e criticaba a "ambigüidade calculada e cómplice" do PNV, así como "a deriva peligrosísima" de Ibarretxe, o lehendakari dixo que "non nos poden pedir que renunciemos ás nosas ideas".
"Repulsa enérxica" do presidente da Xunta
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, mostrou a súa "condena máis firme e a repulsa máis enérxica" en representación de Galiza polos últimos atentados. Nun comunicado de prensa, Touriño trasladou o seu "sentimento de dor e pesar", así como "a solidariedade, o afecto e a proximidade das galegas e dos galegos" aos familiares da vítima mortal e dos feridos.
Tamén o BNG expresou nun comunicado o seu "máis profundo rexeitamento" ao atentado, así como a súa "solidariedade" coas familias das vítimas. Ademais, dende a formación nacionalista consideran que sobre o futuro de Euskadi "só deben ter a palabra os vascos" e "en ningún caso unha banda terrorista que só sabe sementar a destrución e a morte".