Non houbo aviso previo e a explosión do coche bomba provocou importantes danos materiais.
Once persoas resultaron feridas de carácter leve despois de que un coche bomba estacionado na porta de acceso da comisaría da Ertzaintza en Ondarroa (Biscaia) estourase ás 4:30 da madrugada, segundo informaron fontes do Departamento Vasco de Interior. Os feridos tiveron que ser atentidos por cortes e contusións e problemas nos oídos. Non houbo ningún aviso previo, polo que non deu tempo a evacuar a zona, que continuará acordoada toda a mañá.
Os danos materiais causados na comisaría son considerables. A fachada presenta tres grandes fendas e hai restos de coches espallados nun radio de 400 metros ao redor do centro. Ademais, hai numerosas vivendas e comercios das inmediacións e da outra beira da ría afectadas pola bomba. Entre os feridos hai tres axentes da policía autónoma vasca, mentres que os outros catro son viandantes que pasaban pola zona.
O de Ondarroa foi o segundo atentado da noite. Outro coche bomba con 82 quilos de explosivo estalaba a medianoite nos arredores de Vitoria, no novo barrio de Salburua, sen causar feridos. A explosión, de gran potencia, produciuse nunha zona non residencial, fronte á nova sede corporativa de Caixa Vital, que sufriu numerosos danos materiais pero non na súa estrutura, despois de que un comunicante que dicía falar en nome de ETA chamase á policía local ás 23.15 do sábado para avisar da colocación do artefacto.