Logo da oportunidade perdida nas xerais e tras unha derrota inapelable nas municipais, Veltroni sabe que non ten moitas máis opcións para sentarse en Palazzo Chigi.
Veltroni e Berlusconi
A pouco consolidada figura de Veltroni como referencia central da esquerda moderada leva, coma sempre, á análise doutras opcións. Na recámara sitúanse Sergio Chiamparino, o alcalde de Turín (un oase bermello no feudo leguista e berlusconiano), e Sergio Cofferati, actual alcalde de Bologna, un antigo sindicalista, de semblante severo e de acenos rigurosos, pero non tan ambicioso como para deixar o seu papel central na vella rexión emiliana e adicarse á política nacional. Trátase, como no caso do propio Veltroni, de cargos municipais, que nun país coma Italia onde prima o carácter presidencial do síndaco, resulta unha experiencia case obrigatoria. Veltroni sabe que, despois da oportunidade perdida nas eleccións xerais e despois da derrota inapelable nos comicios municipais (coa perda da Roma que el deixou para dedicarse á política nacional en mans dun (post)fascista), non ten moitas máis opcións para sentarse en Palazzo Chigi.
Outros partidos máis pequenos (integrados na coalición de centrosinistra), coma os renacidos Radicali, autoproclamados "liberais, liberistas e libertarios", de escasa pero nítida raigame italiana, cos clásicos Panella e Bonino recobrados, ou a Italia dei Valori, representada polo ex xuíz das mani pulite Antonio di Pietro, implacable crítico da corrupción económica, actúan de aglutinantes no proceso de converxencia das numerosas sensibilidades esquerdistas. O fracaso electoral das opcións (post)comunistas (fóra da coalición) é interpretado en moitos espazos de opinión propiamente esquerdistas coma o certificado de defunción dun modo de facer política vencellado ao ancien régime de alternancia entre a Democracia Cristiana e o PCI. Pero tamén coma un castigo específico ao maximalismo exhibido nalgúns momentos da (imposible) gobernanza de Prodi cando a tensión cos centristas, causantes últimos da desfeita, e, como non, a frouxedade política do propio presidente requerían serenidade e paciencia. Un necesario reagrupamento dos numerosos partidos ecoloxistas, feministas, no global ou da esquerda máis radical (moi activos en Italia nas manifestacións de rúa) en torno a este proxecto de Rifondazione comunista pode outorgar a esta forza agora extraparlamentar o poder perdido. Pero non vai ser doado, dadas a especial disgregación dos movementos externos e a heteroxeneidade de correntes no interior do propio partido, restructurado despois do congreso de finais de Xullo en Chianciano Terme.
Fóra destes partidos de certo relevo (non esquezamos que Rifondazione comunista ocupou a presidencia da Cámara de Diputados durante a anterior lexislatura), aínda malpervive o PSI sen levantar cabeza, coa sombra turbia de Bettino Craxi: esa mesma que algúns cren ver no perfil de Berlusconi (a quen, como é coñecido, axudou a medrar) coa máscara do autoritarismo e da veleidade delictiva. As connivencias antigas con partidos centristas, de corte superficial democristiano, como o UDEUR, representado polo abraiante exministro de Xustiza, Clemente Mastella, encausado e tocado (el e a súa familia) mil veces por vencellos coa corrupción e coa mafia, tampouco non resultaron moi beneficiosas para a imaxe dunha liña política seria de sinistra moderada.
Celebrouse estes días en Florencia a macrofesta do Partito Democrático, a clásica kermesse estival da Unità, agora transformada no foro anual de debate político da esquerda. Polas súas carpas pasan as distintas voces do partido, nun inusual exercicio dialéctico (un pouco mediático últimamente a falta doutros estímulos), que fala ben claro da heteroxeneidade, da complexidade do movemento e do marco de liberdade de pensamento que contén. Resulta ata sorprendente asistir á intervención de líderes doutros partidos, coma a do propio Bossi, convidado a expór, non sen queixas e protestas, as súas ideas sobre federalismo. Nada que ver co nivel de uniformidade observable nas convencións partidistas de aquí, onde se ventilan escasos puntos de vista. O que gaña en valor democrático pérdeo en cohesión interna ou en algo de valor incalculable que Scalfari solicita: unha voz representativa, capaz de integrar valores habitualmente en mans do progresismo e agora en preocupante esquecemento: tolerancia, solidariedade ou dereitos.
Non sei se son "demasiadas galiñas nun galiñeiro de galiñas desplumadas", como adoita dicir o vello xornalista, pero si parece que, polo de agora, a única oposición a Berlusconi atópase, de modo insospeitado, nas pauliñas de Famiglia cristiana, unha publicación de aire franciscano que fala abertamente de fascismo na acción gubernamental.