O Tribunal Superior de Virxinia (EUA) considera que a lei pola que se condenou vai contra a liberdade de expresión.
Jeremy Jaynes
O Tribunal Superior de Xustiza do estado norteamericano de Virxinia decidiu absolver o 'spammer' Jeremy Jaynes, que fora condenado a nove anos de prisión. Segundo o tribunal, a lei anti-spam do estado é "demasiado ampla" e pode coartar o dereito constitucional á liberdade de expresión.
Na sentenza considérase que enviar correos masivos co remitente falsificado pode ser un xeito de promover o discurso político anónimo, que protexe a primeira emenda da Constitución dos EUA. Deste xeito, anúlase a condena a Jaynes.
O empresario agora absolto comezou o seu traballo a finais dos anos 90, enviando correo lixo a millóns de persoas de todo o mundo. Calcúlase que facturaba 750 mil dólares ao mes. Porén, no ano 2004 a Policía interviu na súa casa e incautouse do material informático e de 1.300 millóns de enderezos de correo electrónico que tiña gardadas. A pesar de que vivía e traballaba en Carolina do Norte, foi procesado en Virxinia, sede de America On Line (AOL), que o denunciou.
Os avogados de Jaynes alegaran que a lei contra o spam de Virxinia era inconstitucional, pero o tribunal de apelación rexeitara os seus argumentos. Porén, seis meses máis tarde, aprobou a cuestión de inconstitucionalidade.
O fiscal xa anunciou que recorrerá a decisión perante o Tribunal Supremo. En calquera caso, Jaynes non sairá da cadea, pois está condenado por outros cargos que lle supoñen uns 42 meses de prisión.