Proxectaranse 47 películas, incluíndo unha retrospectiva do realizador cubano Tomás Gutiérrez Alea.
A Semana de Cine chega á súa trixésima edición, e neste ano homenaxea ao xornal El Progreso e á presidenta do Clube Cultural Valle Inclán, Tonina Gay. Cuba será a protagonista, cunha atención especial á cinematografía recente do país americano, e máis en concreto a Tomás Gutiérrez Alea, de quen se proxectarán media ducia de filmes. Ás xa tradicionais seccións oficial e infantil, únese un ciclo de cinema con temáticas centradas na igualdade.
No ciclo de cinema cubano proxectaranse Apuntes sobre a historia do cine en Cuba, Froitas no café, Pompas de xabón, Zafiros- Loucura azul e O Cabaleiro de La Habana + O meu cabaleiro de París. E no dedicado a Gutiérrez Alea chegarán a Lugo Historias da revolución (1960), As doce cadeiras (1962), A morte dun burócrata (1966), Memorias do subdesenvolvemento (1968) e A última cea (1976).
Ademais, para conmemorar o trixésimo aniversario da Semana, nesta ocasión o catálogo amplía a súa extensión, incluíndo unha serie de artigos de Claudio Rodríguez Fer, Paco Martín ou Adolfo de Abel que agrupados baixo o título xenérico de 'Tempos pasados que sempre foron de cine' destacan a importancia histórica e social da sétima arte. Tamén se poderán ver tres exposicións, entre elas a que agrupa os cartaces que anunciaron as 30 edicións da Semana de Cine de Lugo desde o seu inicio no ano 1979 e que se intalará no Auditorio Municipal.
O Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá nace en Lugo a mediados dos anos setenta polas inquedanzas duns mozos afeccionados ó mundo da imaxe. A 1ª Semana Internacional de cine de autor celebrouse en 1979, e dende entón converteuse na cita máis importante do ano para os afeccionados ao cinema na cidade.
Podes consultar a programación completa da Semana de Cine na súa páxina web.