Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
FINALISTA DO PREMIO MÉDICIS

Os libros 'arden ben' en Francia

A última novela de Manuel Rivas, traducida e publicada por Gallimard, está a colleitar un grande éxito no país galo.

Redacción - 09:55 17/09/2008

Os libros arden mal lerase en francés baixo o título de L'éclat dans l'abîme, publicado por Gallimard. A obra, reclamada por algúns como a grande novela da cidade da Coruña e da represión franquista durante a Guerra Civil, competirá ademais no Premio Médicis, o máis importante de cantos se entregan en Francia, xunto co Goncourt. O galardón entregarase o vindeiro 5 de novembro, e na categoría de autores extranxeiros, Rivas terá que competir con Richard Ford, Ian Mc Ewan, Thomas Pynchon, Sandro Veronesi, Sasa Stanisic ou Don de Lillo, até un total de 15 autores. Nos seus cincuenta anos de historia (38 na categoría de autores foráneos), o Médicis premiou, entre outros, a Orhan Pamuk, Philip Roth ou Jean-Philippe Toussaint.

A novela tamén figura entre as dez obras seleccionadas para o premio France Culture-Télérama. L’ eclat dans l’ abîme será presentada na libraría Le Merle Moqueur de París o vindeiro 23 de setembro nun encontro dos lectores e lectoras co autor galego.

Gallimard xa traduciu e editou no pasado outras dúas obras de Rivas, Le crayon du charpentier (2000) e La langue des papillons et autres nouvelles (2003), ambas as dúas volcadas ao francés por Ramón Chao, aínda que nesta ocasión a tradución foi responsabilidade de Serge Mestre, que traballou a partir da versión castelá da novela (Alfaguara), e non dende o orixinal galego. A súa obra foi traducida a 16 idiomas, entre eles o alemán, o polaco e o inglés, e comezou a ser coñecido en Francia a partir da publicación de En sauvage compagnie (Métailié, 1997).

Rivas ou Ferrín para o Nóbel?
Ao fío do excelente recibimento da obra de Rivas en Francia, o escritor e xornalista Santiago Jaureguízar abriu un debate no seu blog sobre a necesidade de que os autores e institucións galegas realicen unha proposta unitaria para o Premio Nóbel ao redor de Manuel Rivas, no canto de Xosé Luís Méndez Ferrín, de quen considera que a súa obra non ten a suficiente proxección internacional.


4,9/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: