Entre os participantes hai expertos internacionais, como Marc Pabois, secretario da Fundación do Patrimonio Marítimo Fluvial de Francia.
O Museo do Mar de Vigo acollerá o vindeiro xoves 18 unha xornada de estudo e análise do patrimonio marítimo. Expertos galegos e de todo o continente tratarán os criterios usados para considerar se unha embarcación debe formar parte do patrimonio marítimo, como conservala axeitadamente e cal é o seu marco normativo e fiscal. Destaca a participación de Marc Pabois, actual secretario da Fundación do Patrimonio Marítimo Fluvial de Francia. Pabois, que foi tamén Conservador-Xefe do Patrimonio Marítimo do Ministerio de Cultura Francés, falará pola tarde sobre a experiencia lexislativa de Francia, o que pode ser do máximo interese para os asistentes ás xornadas xa que o país galo é o máis avanzado do mundo nesta materia.
Durante a mañá exporanse as experiencias doutros países na recuperación e exhibición do patrimonio marítimo. Por exemplo, o director do museo portugués de Ilhavo, Álvaro Garrido, falará sobre o caso do navío Santo André, un recuperado bacallaeiro que hoxe funciona nesa localidade como un atractivo museo da vida e do traballo destes barcos nos mares do Atlántico Norte.
A entrada á xornada, que comezará ás 9.30 e rematará ás 19.30 h. (cun descanso de dúas horas para o xantar) é libre e gratuíta.