Polo reiterado incumprimento da obriga de facilitar durante un mínimo de catro días ao mes o acceso gratuíto ao monumento.
A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellaría de Cultura abriulle este venres un expediente sancionador ao propietario do Castelo de Pambre, situado en Palas de Rei (A Ulloa). A razón é o reiterado incumprimento da súa obriga de facilitar durante un mínimo de catro días ao mes o acceso con carácter gratuíto ao monumento, declarado Ben de Interese Cultural (BIC).
A apertura do procedemento sancionador, que se pode resolver cunha multa económica de até 60 mil euros, prodúcese logo de "reiteradas comunicacións", segundo informou Patrimonio. O 1 de agosto de 2006 envióuselle unha primeira informativa, solicitándolle unha proposta para o cumprimento da lei.
O 6 de setembro de 2007 o director xeral de Patrimonio Cultural, Felipe Arias, reuniuse co propietario para acordar as medidas a adoptar ao respecto do acceso público ao castelo. Logo, o 26 de decembro pedíuselle información en relación coas actuacións realizadas nese senso.
Dilación do proceso por parte do dono
En todo este período en que se produciron diversas comunicacións e xuntanzas co propietario, este dilatou a presentación dunha solución para a apertura, que nunca chegou a facer efectiva, sinalan dende a Consellaría de Cultura.
O Castelo de Pambre, do século XIV, está considerado un dos mellores exemplos de arquitectura militar medieval do país. Conta cunha muralla exterior de planta irregular e con outra interior cuadrangular, que alberga unha capela do século XII e un hórreo.