A ministra Elena Salgado sostén que o seguimento das mesmas está garantida coas reunións trimestrais de Zapatero e Touriño.
O executivo de José Luis Rodríguez Zapatero volveu pechar a porta á posibilidade de que se cree unha subcomisión de seguimento das infraestruturas galegas no Congreso. A ministra de Administracións Públicas, Elena Salgado, foi a encargada de volver a dicir que non se crearía esta subcomisión á vez que afirmaba que o goberno español “está comprometido” con Galiza.
Salgado afirmou no Congreso que o presidente español e o galego acordaron reunirse cada tres meses para avaliar o seguimento das obras, algo que dixo que é “moito mellor que a subcomisión”. A ministra bota por terra así a proposta unánime do Parlamento de Galiza que pedía esta subcomisión no Congreso.
O deputado do PP, Celso Delgado, botoulle en cara á ministra que non atenda a petición do Parlamento de Galiza nin a do propio Congreso. Delgado acusou ao executivo español de ter paralizado o investimento en Galiza.
O parlamentario do Bloque Francisco Jorquera criticou a “ambigüidade e indeterminacion” do goberno estatal. O nacionalista instou a que o executivo dea datas concretas, á vez que censurou a lentitude nos trámites burocráticos.