Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
XOGOS PARALÍMPICOS

Bronce para Cimadevila nos 200 estilos

O nadador pontevedrés obtén así a súa terceira medalla na disciplina en que se proclamou campión hai oito anos en Sidney.

Redacción - 11:50 11/09/2008
Cimadevila coa súa medalla

Cimadevila coa súa medalla

Pablo Cimadevila está a consolidarse como unha garantía de medallas para a natación galega, ao sumar con este bronce tres medallas noutros tantos Xogos Paralímpicos. Cimadevila realizou unha gran carreira, mellorando en sete segundos a marca coa que se fixo co ouro de Sidney no ano 2000. A pesar de pasar na primeira posición polos 50 metros, a vitoria non estivo ao seu alcance en ningún momento, xa que na súa serie nadaba o brasileiro Daniel Dias que leva camiño de recoller o relevo de Michael Phelps como ídolo do "cubo de auga". O brasileiro non dou opción aos seus rivais e rebaixou en case sete segundos a marca mundial que el mesmo establecera na carreira de clasificación. Dias leva con este catro ouros e unha prata só nas probas individuais.

Cimadevila loitou até o final pola prata co chinés Junquan He, pero a segunda posición foi para o nadador local por só 68 centésimas de segundo nun final espectacular. Xa co obxectivo da medalla cumprido, Cimadevila disputará este venres os 100 metros braza onde se volverá atopar co xenial Daniel Dias.

Gustavo Nieves non rematou a proba de cinco mil metros
O corredor de Vilalba non conseguiu rematar a carreira de cinco mil metros lisos da clase T12 que se disputou este Xoves no Estadio Nacional "niño do paxaro" debido a unha rotura de fibras.

Gustavo fixo unha gran saída e pasou en primeiro lugar polos mil metros, pero a lesión obrigouno a retirarse. Agora parece complicada a súa participación na carreira dos 10 mil metros que comezará o vindeiro venres.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: