Persoas de todo o país acudirán a Camporrapado para recoñecer a figura do político, ao que se lle dedicará tamén un roteiro lembrando a súa persecución.
O político, escritor e mestre Antón Alonso Ríos recibirá o sábado 13 unha homenaxe nacional no seu lugar de nacemento, Camporrapado, na parroquia de Cortegada, en Silleda. Segundo explicou Matías Rodríguez da Torre, da Comisión pola Memoria 'Siñor Afranio', a data escollida para a homenaxe servirá de antesala para a presentación dun roteiro de lembranza de Alonso Ríos, e prodúcese poucas semanas despois de cumprirse o 121 aniversario do nacemento do político agrarista.
"Xa viña sendo hora de que na súa casa natal se recoñeza a súa figura", explicou. Alonso Ríos, unha das figuras máis salientábeis do galeguismo durante a Segunda República, foi perseguido despois do levantamento militar de 1936 e acabou exiliado en Bos Aires, encabezando o Consello de Galiza despois da morte de Castelao.
Fuxindo dos seus perseguidores, Alonso Ríos, caracterizado como o seu trasunto, o Sinhor Afránio, atravesou as provincias de Pontevedra e Ourense, cruzou Portugal, chegou a Casablanca e dende alí embarcou até Bos Aires. Parte dese percorrido lembrarase mediante o proxecto Roteiro do Afránio, que se presentará a finais de mes e que contará tamén cunha exposición divulgativa.
O acto de homenaxe nacional, ao que está convidada xente de todo o país, terá lugar o 13 de setembro ás seis do serán. Abrirase cunha intervención musical de Roberto Sobrado. Despois intervirán o bisobriño de Alonso Ríos, Xulio Carballo Arceo; a alcaldesa de Tomiño, Sandra González; o delegado de Medio Rural en Pontevedra, Gonzalo Constenla e a conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, que lembrarán os distintos aspectos do político galeguista.
A homexa está organizada pola Comisión pola Memoria Siñor Afranio, a Asociación sociocultural Adellis e a Consellaría de Cultura, ademais doutras institucións, entre elas consellarías e concellos.