O deportista de Ares disputará os seus segundos Xogos Paralímpicos, oito anos despois da toma de contacto en Sidney.
O tenista de Ares chega a Beixín coa intención de divertirse, e acadar a arelada sensación de non gardar nada dentro cando remate o partido. A partir de aí virán os resultados.
A Beixín chegas xa coa experiencia de ter disputado os Xogos Paralímpicos de Sidney, no ano 2000. Cales son os recordos que tes máis vivos desa cita?
Como foi a primeira vez fun moi emocionado, a facer grupo cos meus compañeiros para animalos a eles e que eles me animaran a min. Ademais tamén aproveitas para desfrutar coñecendo un país como Australia.
A nivel depotivo, con que obxectivos chegas a China?
Xa pasaron oito anos, polo que vou máis tranquilo e tamén mellorei un pouco, entón a ver que pasa. Con respecto ás expectativas, o importante é pelexar todos os puntos e chegar até onde se poda, si pode ser á final moito mellor. O que teño claro é que vai ser un camiño bastante difícil.
Nos teus catorce anos de carreira deportiva tiveches tempo a vivir en primeira persoa a evolución do movemento paralímpico. Como ves a súa situación actual, no que se refire ao panorama internacional?
Eu penso que evolucionou bastante en aspectos como a tecnoloxía ou a calidade de adestramentos. Agora hai xente máis profesional e nestes Xogos veremos os resultados. Igual que aconteceu nos Xogos Olímpicos, espero que se melloren moitas marcas mundiais. A nivel estatal, este ano tivemos máis axudas, que nos permitiron adestrar máis e ter facilidades que das que non dispoñíamos outras veces. Eu tiven catro meses para adicarme só ao deporte, e iso date unha calidade tenística que da outra maneira non tiñas.
E como farías esta valoración a nivel de Galiza? A Fundación Deporte Galego, a Xunta e a Consellería de Cultura e Deporte estannos apoiando moito máis. Este ano saíron unhas bolsas que se nos concederon a todos os que estamos aquí. No meu caso, esta axuda permitiume recuperar uns cartos que eu investira para xogar os torneos internacionais nos que tiven que participar para obter a clasificación paralímpica. O que me permitiu foi recuperar o investimento.E erguendo a vista alén do deporte, cales consideras as medidas que máis urxen para axudar á mellora de vida das persoas con minusvalías?
Hai unha lei de dependencia e agora o que se ten que facer é poñela a funcionar ben. A día de hoxe só se benefician de ela as persoas que están ingresadas nun centro, e as persoas que viven na súa casa non reciben ningún tipo de axuda. Aquí é onde se ten que traballar para mellorar as condición de estas persoas e tamén dos seus familiares.
Despois de máis de dez anos vencellado ao mundo do tenis, que papel ten hoxe o deporte na túa vida?
O tenis para min é moi importante. Adícolle moito tempo e prívame de algunhas cousas, pero dáme moitas satisfaccións. No meu caso é moi importante para a miña condición física, porque si non fixera deportes estaría nunha cadeira de rodas e non me movería. Os meus pais puxéronme a andar cando tiven lesións nos ósos, despois coñecín o tenis e comecei a facer deporte. Penso que as administracións deberían facer que o deporte fora unha obriga para os discapacitados, como a ximnasia no colexio, non falo de competición, xa que isto é algo que viría despois si se dá o caso. Isto axudaríanos a atoparnos mellor e non depender tanto dos medicamentos.
Incluso poderían atoparse cunha sorpresa cando coñecen a práctica deportiva, non?
Exactamente. Vas probando nunhas escolas onde tes acceso a varios deportes, e alí podes ter a sorte de atopar un que che guste e te saque da túa casa. Isto axúdache a esquecer os teus problemas, porque mentres estás entretido facendo un deporte non pensas na túa discapacidade ou noutros problemas. Trátase dunha boa forma de relaxación e tamén de integración social, polo menos no meu caso, que aproveitei para viaxar e coñecer xente. Senón tendes a fecharte na casa e eu penso que ese non é o camiño.