Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
COMPETIRÁ EN CINCO PROBAS DIFERENTES

“É preciso ensinarlles aos rapaces que no mundo existe algo máis que altos e guapos”

Despois de ganar oito ouros en anteriores edicións dos Xogos Paralímpicos, Chano Rodríguez tratará de ampliar a súa lenda en Beixín.

García Martínez - 12:30 05/09/2008
Chano xunto a algún dos seus compañeiros, entre eles Pablo Cimadevila

Chano xunto a algún dos seus compañeiros, entre eles Pablo Cimadevila

Sebastián Rodríguez Veloso é nado en Cádiz aínda que leva xa moitos anos afincado en Vigo. Alí traballa como vendedor do cupón da ONCE e alí é onde fai máis de dez anos que practica a natación. Despois de dúas citas paralímpicas, Chano chega a Beixín coa experiencia como principal aval, pero sen perder a ilusión por ampliar o seu envexábel palmarés.


Chegas a China como oito veces campión paralímpico, despois de estar nos dous Xogos Paralímpicos anteriores. Que recordos gardas de Sidney e Atenas?

Recordos hai moitos, evidentemente as medallas que gañei, que foron probas nas que traballamos moito tempo, e cando chegas ao fin e ao mirar arriba ves que fixeches recorde do mundo iso é o importante para un deportista. Tiven a fortuna de facelo en Sidney e repetilo en Atenas.


Participarás nas probas de 50, 100 e 200 metros libres, así como nos 4x50 estilos e nos 4x50 libres. Como afrontas a cita de Beixín?

Eu adoito contestar igual esta pregunta, que foron catro anos de moito traballo, máis se cabe neste último. Espero sentirme ben na piscina e se a lección está ben aprendida e preparamos ben as probas iso corresponderase co meu resultado. Eu non penso nas medallas até que para o reloxo, non se pode botar antes o carro que os bois. Traballamos duro e a partir de aí veremos que hai cando esteamos na proba.


A nivel internacional como valoras a situación actual do deporte paralímpico?
Home, imos avanzando, máis queda moito por facer. Eu estou integrado no grupo desde os anos 90 e até hoxe avanzamos en moitos aspectos. É agora cando comezamos co plan ADOP, un programa similar ao dos atletas olímpicos, pero que non a nivel económico, onde continuamos a anos luz. Son pasos que hai que ir dando e agardo que continúen nesa liña. Hoxe tal e como está o deporte paralímpico se non hai axudas é imposíbel compatibilizalo coa práctica dese deporte.


É a profesionalidade o seguinte paso a dar para o deporte paralímpico?

Se queres facer algo está claro que si. Nunha parte importante dos países que están na fura de diante os deportistas xa deixan de traballar para adicarse aos deporte. No estado, se queremos seguir na liña en que vimos traballando terá que ser así, e terán que preparar un plan ADOP tipo olímpico, que nos sirva para deixar de traballar e adicarnos única e exclusivamente ao deporte.


Como ves en Galiza a situación do deporte paralímpico?

Eu creo que a xente de Galiza está traballando ben. Estamos ao mesmo nivel que o resto de deportistas olímpicos, que é moi importante, aínda que recibimos un trato diferente no que se refire ao aspecto económico. Aquí a Xunta, como goberno autonómico, non ten o poder que ten o goberno central, pero danos o mesmo apoio que a David Cal ou a Xavier Gómez Noya. En este momento hai que darlle un dez á Xunta de Galiza. De feito a directora xeral para o Deporte, Marta Souto, estará con nós estes días en Beixín.


En xeral, cales consideras as melloras máis inmediatas a realizar na sociedade para mellorar as condicións de vida das persoas con minusvalías?

A parte das axudas e de romper barreiras arquitectónicas, eu creo que o paso importante é a educación. Igual que se lles ensina aos rapaces cousas sobre deporte olímpico, ensinarlles que no mundo existe algo máis que altos e guapos, que hai persoas diferentes, persoas coas súas minusvalías, e nós temos que estar aí e temos que ter o noso sitio. Nós en Galiza, como no resto do estado, temos unhas leis que nos cobren en todo, pero iso vai abaixo con un simple arquitecto a quen se lle mete na cabeza que non pode facer iso. As leis témolas feitas, agora o que falta é concienciar ás persoas para que as cumpran de forma natural, porque non se poden impoñer. A Coruña, por exemplo é unha cidade que a nivel arquitectónico está máis traballada, mentres que en Vigo aínda nos queda bastante que loitar.


O deporte e máis en concreto a natación rematou por converterse nunha parte importante do teu día a día. Que papel ten hoxe na túa vida?


O deporte é cara onde eu enfoco toda a miña enerxía, para intentar romper día a día todas as barreiras que se nos poñen por diante, non só nas piscinas senón tamén fóra de elas. Como se adoita dicir, o deporte é saúde, sempre e cando se faga de forma adecuada a cada persoa. O deporte levado aos niveis nos que estamos nós xa é outra cousa diferente.


5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: