Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Clausura da convención republicana

"Loitade comigo!", pide o veterano do Vietnam John McCain

O xa oficialmente candidato republicano á Presidencia de EUA volveu lembrar o seu cativerio no país asiático durante o discurso de aceptación.

Redacción - 10:00 05/09/2008
John McCain, acompañado pola súa muller, Cindy

John McCain, acompañado pola súa muller, Cindy

A convención republicana quedou clausurada esta quinta feira co discurso de aceptación do seu candidato presidencial, John McCain, que utilizou un ton sosegado -moi distinto ao da súa número dous, Sarah Palin- apelando aos sentimentos da audiencia e con eloxios para o seu rival, Barack Obama.

McCain dixo recibir o nomeamento con "agradecemento, humildade e confianza", e volveu lembrar a súa experiencia militar e o seu tempo como prisioneiro de guerra en Vietnam, época na que se "namorou" do seu país.

Seguindo polo mesmo camiño, o candidato presentouse como "loitador" tanto da vida como da política. "Teño o historial e as cicatrices que o demostran", dixo, e emocionou aos presentes pedíndolles: "Loitade comigo!".

Político independente

O republicano tratou de incidr na imaxe dun político independente que non casa nin co seu propio partido e que está disposto a unha reforma a fondo do sistema. Neste senso, afirmou que cómpre cambiar moitas das cousas que fixo o goberno de George Bush, sobre todo en materia económica.

"Estenderei a man a calquera que me axude a facer progresar este país de novo", dixo en alusión a Obama, do que noutro momento afirmou directamente que "ten o meu respecto e a miña admiración".

"Manterei os impostos baixos e rebaixareinos máis cando poida, o meu opoñente aumentaraos. Abrirei mercados para os nosos bens e servizos, o meu opoñente pecharaos. Reducirei o gasto do goberno, el aumentarao", resumiu para contrastar as súas propostas coas de Obama.

Tamén tratou temas de política internacional, e asegurou que como presidente estabelecería "boas relacións con Rusia para que non haxa que temer unha nova Guerra Fría", mais sen mirar cara a outro lado fronte a "unha agresión" a Xeorxia que "ameaza a paz e a estabilidade do mundo e a seguridade dos americanos".


Ligazóns

1/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: