Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CONSELLO DA XUNTA

Unha oficina controlará as incompatibilidades dos altos cargos

O decreto contempla a creación de rexistros de bens e de actividades e que os directivos non poidan desenvolver actividades relacionadas co Goberno até dous anos despois do cesamento.

Redacción - 18:20 04/09/2008

Un decreto regulará os rexistros de actividades e os bens patrimoniais dos altos cargos do Goberno. A norma afectaralles aos membros do executivo, secretarios, directores xerais, delegados, asesores e directivos de organismos autónomos e de empresas públicas, entre outros.

Para garantir o cumprimento da lei, crearase a Oficina de Incompatibilidades e Boas Prácticas. Os altos cargos deberán inscribir as súas declaracións de actividades nun rexistro, que terá carácter público e poderase consultar no DOG e mais na internet.

Segundo o decreto, os cargos non poderán desenvolver actividades privadas relacionadas con expedientes resoltos por si mesmas nin asinar contratos con administracións públicas até dous anos despois do seu cesamento. Estas persoas deberán informar o rexistro da actividade que van desenvolver des que abandonen o Goberno.

Outro rexistro depositará as declaracións de bens patrimoniais dos altos cargos e mais as dos impostos sobre a renda das persoas físicas e sobre o patrimonio. Este arquivo só será accesíbel polo Parlamento, os órganos xudiciais, o Ministerio Fiscal e mais o Defensor e o Valedor do Pobo.

Os altos cargos deberán presentar as correspondentes declaracións nun prazo de tres meses dende a súa toma de posesión ou cesamento, e actualizalos no mesmo prazo.

Igualdade
Por outra banda, o Consello da Xunta autorizou a sinatura dun convenio entre o Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, que depende de Vicepresidencia, co Instituto da Muller para a posta en marcha de programas dirixidas á muller durante o ano 2008. O importe do acordo supera os 360.000 euros, dos que 250.000 son achegados polo goberno español.


3,67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: