Unha cuarta tormenta tropical, nomeada 'Ike' e que xa alcanzou a categoría 4, podería chegar tamén ás illas do Caribe.
As chuvias torrenciais provocaron inundacións en Haití
Tres tormentas tropicais (Fay, Gustav e Hanna) en menos de 21 días provocaron polo momento a morte de 170 persoas tan só en Haití. A situación pode aínda empeorar máis coa chegada doutros furacáns -Ike, no medio do Atlántico alcanzou categoría 4- e pola condición sanitaria, que xa foi cualificada polo presidente do país, René Preval, de "catástrofe humanitaria".
O último dos ciclóns, Hanna, cobrou a vida de 61 persoas esta cuarta feira, segundo o último balance oficial recollido pola axencia de noticias AlterPresse. Rexistráronse tamén importantes danos na agricultura, na gandaría e nas estradas. Ademais, 15.134 persoas foron evacuadas, 6.790 foron trasladas a refuxios provisionais e 3.307 casas quedaron derruídas.
Con anterioridade, o Gustav, que pasou por Haití, República Dominicana, Xamaica e EUA deixou 103 mortos e centos de feridos neste catro países. Tamén golpeou a illa de Cuba, mais non houbo ningunha defunción.