Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
ALFONSO BLANCO TORRADO

"Aínda estamos moi en débeda con Manuel María"

O presidente da Asociación Cultural Xermolos fala dos actos que están a preparar para conmemorar o cuarto cabodano do poeta chairego.

Redacción - 13:15 06/09/2008

A Asociación Cultural Xermolos organiza o 8 de setembro a xornada Memoria da chaira enteira, un encontro cultural e de irmandade arredor da figura de Manuel María, do que se cumpre o cuarto cabodano da morte. As actividades comezarán ás dúas da tarde cun xantar de irmandade na Casa Rural Reboreda de Abaixo, en Outeiro de Rei.

Cal é a intención destes actos de homenaxe?

A idea é de que Manuel María siga presente, sobre todo a través da súa palabra, da literatura e tamén da súa conduta exemplar de apoio ao pobo. Queremos que cada 8 de setembro quede como unha chamada de atención. Por unha banda é unha xuntanza de amigas e amigos, un xantar na paisaxe de Outeiro de Rei, e tamén recitais de poesía a carón do regato, fonte de creación para o poeta, que lle dedicou moitos versos. Despois iremos até Penas de Rodas, onde leremos poemas de Manuel María, os ollos que miran á Terra Chá. E ás seis da tarde desprazarémonos ao cemiterio de Outeiro de Rei, onde está soterrado. Imos facer un prego, este ano a cargo de Camilo González Torres, que escribiu unha tese doutoral de varios volumes sobre o autor. O ano pasado fora convidado Darío Xohán Cabana, antes Mini e Mero...

E logo iremos ao campo de Santa Isabel, onde bicados polo río Miño, temos o rito da navalla. Para el a navalla era algo simbólico: coleccionábaas, serven para partir e compartir. Regalamos cada ano unha navalla a alguén do seu contorno. Tamén teremos alí un recital de poemas de Manuel María e de poesía musicada. Confirmaron a súa presenza Mini e Mero, A Quenlla, estivo Miro Casabella... mulleres e homes que fixeron música con poemas de Manuel María.

Vai haber máis homenaxes na Terra Chá?

Estamos a artellar para o venres seguinte (13 de setembro) no Auditorio de Vilalba a proxección dalgún vídeo sobre a obra de Manuel María, organizado por Xermolos e o Instituto de Estudos Chairegos. E tamén volverá haber un recital de poemas. Interésanos convidar á lectura. Logo, xa en outubro, desenvolverase 'O paseo dos soños', a carón do río Magdalena de Vilalba, sede da Fundación Manuel María, un acto centrado na literatura infantil. A primeira edición dedicámoslla a Das cousas de Ramón Lamote, de Paco Martín; o ano pasado, aos 50 anos da publicación d'Os soños na gaiola, con actividades durante dous días, e este ano á obra de Agustín Fernández Paz, que tamén de Vilalba. Vaise ambientar e recrear a vida e obra de Manuel María, o primeiro en interpretar a Terra Chá dese xeito.

Cre que Manuel María tivo recoñecemento abondo?

Penso que abondo aínda non, porque hai que pensar que Manuel María entregouse totalmente a Galiza. Non só lembramos a importancia da súa obra, senón tamén o seu xeito de vivir as inquedanzas de Galiza. Era un home xeneroso. Pateou todas as Galizas, tamén a da emigración. Nunca fallou ningunha chamada. Aínda estamos moi en débeda, porque nos axudou a descubrir Galiza a moitas e a moitos, a descubrir un idioma. Era unha persoa que trataba que non tivésemos que sufrir os que viñemos despois as frustracións que el tivo, como non ter libros no noso idioma. Craou libros pensando nas nenas e nenos. Tivo que emigrar para ver publicadas as súas obras. Puxo en marcha unha editorial, unha libraría... Un pouco con toda a súa vida e obra abriu camiños para que despois non atopasen as portas pechadas.


4,5/5 (10 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: