Ibarretxe e cada un dos conselleiros do tripartito presentarán unha demanda individual e piden que a cidadanía vasca tamén o faga.
Ibarretxe ante os medios
O lehendakari, Juan José Ibarretxe, anunciou este luns que o goberno vasco denunciará ante o Tribunal de Dereitos Humanos de Estrasburgo a negativa do Executivo de Zapatero a permitir a consulta. Ibarretxe e cada un dos conselleiros presentarán unha demanda individual e pretenden que os cidadáns vascos tamén o fagan.
Nunha comparecencia logo do primeiro consello de goberno vasco, o lehendakari dixo que o tripartito promoverá e apoiará "unha iniciativa" para demandar o Estado Español ante o Tribunal de Estrasburgo "por vulnerar o Convenio Europeo de Dereitos Humanos e Liberdades Fundamentais", ao prohibir que a sociedade vasca se pronuncie.
Deste xeito, cada un dos membros do Executivo vasco, incluído Ibarretxe, formalizarán a denuncia con carácter individual "porque son os cidadáns os que están lexitimados para poder realizar esa demanda". O lehendakari reclamoulles aos partidos políticos que sexan eles os que xestionen, "con ilusión e con forza, unha iniciativa cidadá" para que a cidadanía vasca tamén a poida presentar.