Por idades, o 28% dos menores de entre 5 e 14 anos dispoñen dun terminal móbil, mentres que os maiores de 55 anos son os que menos se conectan á rede.
En Galiza hai un total de 1.748.943 teléfonos móbiles, segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE), o que depara unha taxa dun 67,10% de galegos que dispoñen dun destes terminais. Por provincias, o maior índice de teléfonos rexístrase en A Coruña (cun 69% da poboación), seguida de Pontevedra (68%), Lugo (62%) e Ourense (61%).
En canto ás idades, son os menores os que máis rapidamente se suman ao uso do teléfono: os rapaces de entre 5 e 14 anos que teñen un terminal ascenden ao 28%. Ademais, son as mulleres as que usan máis o móbil (un 30,72%), fronte aos homes (26,5%). Doutra banda, son os mozos quen máis optan por este aparato (97, 42%), mentres que os maiores o usan en menor medida (só o 45,48% dos que superan os 55 anos teñen teléfono móbil).
Acceso á internet: tarefa pendente para os maiores
No referente aos ordenadores, as porcentaxes redúcense aínda máis. O número de ordenadores por galego ascende ao 40,8%m cun pouco máis dun millón de computadoras (1.063.000), que se reparten entre as provincias de A Coruña (459.000), Pontevedra (385.000), Lugo (112.000) e Ourense (105.000). Ademais, só un 32,45 % dos galegos se conectan a internet.
Neste eido tamén son os maiores os que menos usan as novas tecnoloxías. Acceden moi pouco a internet, só o fan o 5,85 % dos que teñen máis de 55 anos. Aqueles que teñen entre os 40 e 54 anos teñen máis hábito de conexión, fano un 33%. Pola contra, son os mozos de entre 15 e 19 anos quen máis empregan internet, fano o 68%. Séguenlle os galegos de entre 20 e 29 anos, co 59% de conexión e os menores de 40, que se conectan nun 51% dos casos.