Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
1.200 DELEGADOS

O Consello Nacional do BNG defende que a elección de candidato será "plenamente participativa"

O coordinador da Executiva, Francisco Jorquera, asegurou que será un proceso "democrático", a pesar das críticas recibidas dende o Movemento pola Base e mais polo Encontro Irmandiño.

Redacción / EP - 17:00 30/08/2008
Francisco Jorquera

Francisco Jorquera

O BNG anunciou que vai desenvolver o 5 de outubro unha Asemblea Nacional extraordinaria onde 1.200 delegados elixirán o candidato á presidencia da Xunta. O proceso, segundo o coordinador da Executiva, Francisco Jorquera, será "plenamente participativo e democrático", e "sen parangón" no Estado Español. Porén, nos últimos días, tanto o Movemento pola Base coma o Encontro Irmandiño pediran que a asemblea fose aberta a toda a militancia.

O Consello Nacional aprobou este sábado, con arredor do 80 por cento dos votos, o regulamento, que especifica que se poderán presentar candidaturas afiliados cun 50% de avais de membros do partido ou de 300 militantes. Con todo, o texto normativo aínda poderá "recibir melloras", polo que se levará a debate en setembro.

Deste xeito, o proceso será "máis participativo e democrático que o de ningún partido", afirmou Jorquera, pois "para o BNG a democracia é sinónimo de participación". Engadiu que a elección do candidato nacionalista non será "á búlgara", como nos congresos doutros partidos. O Portavoz Nacional, Anxo Quintana, afirmou que o proceso é diferente ao doutras formacións porque o Bloque tamén "é unha organización política distinta".

Quintana avanzou que a actividade do BNG nos vindeiros meses se centrará en "actuar desde a Xunta para que Galiza estea máis protexida contra a crise" e "usar o carácter determinante do Bloque na política estatal", polo seu papel "decisivo" na "aprobación ou non" dos Presupostos Xerais do Estado.


3,8/5 (10 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: