Consumo está a presentar noutras comunidades autónomas o software, que simula un contorno real de comercio electrónico.
O Instituto Galego de Consumo (IGC) está a presentar polo Estado Español unha ferramenta pedagóxica que ensinará a consumir de xeito responsábel a través da internet, segundo informou a Consellaría de Innovación e Industria. O IGC, que depende da consellaría, desenvolveu un software para traballar varios aspectos de seguridade e garantías sobre compras na rede. O sistema conta cunha tenda virtual, un módulo de correo electrónico, unha entrada bancaria e un módulo de atención telefónica, todo co fin de simular un contorno real de comercio electrónico.
Despois de poñer o programa en práctica dentro da programación educativa da Escola Galega de Consumo, técnicos do IGC estano a dar a coñecer noutras comunidades autónomas do Estado Español. Así, a pasada fin de semana presentouse en Asturias, e o 17 de maio xa o fixera na Rioxa, coincidindo co Día da Internet.