A Asociación de Amigos do Museo do Mar advirte da posibilidade de que tesouros de interese cultural como o barco Hidria Segundo, agora en venda, vaian parar a malas mans.
O Hidria Segundo usa propulsión a vapor, cunha máquina de 1905, e en orixe era buque alxibe na ría de Vigo, adicado ao transporte e aprovisionamento de auga para outros barcos. En 1997 comezou a ser empregado para o turismo náutico e para a realización de actividades histórico-culturais, sendo bautizado en 2006 como "o barco da memoria" nun percorrido que o levou a ser visitado por milleiros de persoas. Recentemente fora ademais buque insignia de Galiza no encontro internacional de Brest.
A súa saída á venda debido á imposibilidade económica de mantelo dos actuais propietarios, alertou agora ao colectivo de Amigos do Museo do Mar, que consideran que este barco é unha parte do patrimonio marítimo do país que non debera perder ese papel de referencia. O Hidria Segundo é na actualidade o único barco a vapor que funciona en todo o Estado e desde o colectivo considérano "unha xoia dos mares" e un auténtico "museo flotante", polo que non queren que caia en mans "pouco sensíbeis".
De paso, a asociación aproveita para chamar a atención sobre a existencia no país doutras embarcacións"deixadas á súa sorte". Por este motivo, propoñen que se deseñe un plan "que posibilite unhas condicións estruturais acaídas para activación do noso patrimonio marítimo" e que se cree un rexistro de buques de interese patrimonial, onde figuren aqueles considerados ben de interese cultural.