A Xunta crea un órgano superior do Goberno en materia de coordinación, seguimento e asesoramento para a seguridade nas estradas.
Logo de que esta mesma semana o BNG acusase a Tráfico de recadar en Galiza máis do que inviste e achacara a este motivo as reticencias do Estado en transferir as competencias sobre esta materia, vimos de coñecer a creación dunha nova figura vencellada coa circulación por estrada. A Xunta crea un novo órgano: o "comisionado para a seguridade viaria", un cargo dependente da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes e que terá entre os seus cometidos a coordinación das estratexias de seguridade nas estradas coas distintas administracións públicas.
Este novo comisionado terá rango de secretaría xeral e encargarase tamén de planificar e desenvolver campañas e medidas de concienciación, de avaliar o grao de aplicación das estratexias de seguridade viaria, así como de elaborar estudos e proxectos e fomentar a formación e investigación neste eido. O Presidente da Xunta asegurou que a política en seguridade nas estradas é un "obxecto de atención preferente para o seu goberno" e subliñou os avances feitos baixo o seu mandato para "reducir moi significativamente a mortalidade e accidentalidade".
A creación desta figura xa fora adiantada hai un ano pola Conselleira de Política Territorial, María Xosé Caride, quen aseguraba entón que o comisionado sería un primeiro paso para a xestión do tráfico dende Galiza.