Será só un "adianto técnico" que, tal e como se prevía desde hai meses, deixará a data dos comicios na altura da primavera de 2009, para evitar a coincidencia dos comicios en Galiza coas eleccións europeas fixadas para xuño dese ano. Emilio Pérez Touriño subliñou este xoves que mantén "o compromiso de esgotar a lexislatura" e usar só a ferramenta que lle outorga a lei para decidir o adianto se no futuro considera que lle convén "exclusivamente a Galiza".
Referiuse así o presidente da Xunta aos "intereses partidarios" sobre os que admitiu que terían estendido o debate acerca da data electoral, asegurando que na súa opinión "non hai motivos" que xustifiquen o adianto. "Galiza avanza moito e de présa", comentou Pérez Touriño, "prometín o cambio e o cambio está en marcha". Así e malia que desde o contorno da dirección de PSOE e PSdeG admitían até este mesmo mércores a probabilidade de que ese adianto se producise, Touriño descarta agora a posibilidade asegurando que pretende que "o debate político non se vexa condicionado polo falso debate electoral".