Na modalidade de fotografía, resultou gañadora a imaxe enviada por Roberto Roget. Este martes coñeceremos tamén o vencedor na categoría de vídeo.
A fotografía "Eu nunca serei yo", asinada por Roberto, é a gañadora da edición 2008 do concurso Unha Imaxe para o Galego, o certame organizado por Vieiros coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Unha vez comprobado o correo do concursante resultou ser Roberto Roget Antelo, veciño do municipio de Zas (Terra de Soneira).
O xurado do concurso estivo integrado por Pedro Corredoira, un dos máis prestixiosos realizadores de vídeo do país no ámbito da publicidade, e por César Galdo, xornalista de longa traxectoria no eido audiovisual.
Máis dun cento de fotografías competían polo recoñecemento nesta edición de Unha Imaxe para o Galego, conformando un conxunto de propostas que en opinión do xurado demostran a consolidación do certame e a capacidade dos internautas para ofrecer valiosas propostas que exploran con imaxinación e un alto grao de calidade o desafío de poñerlle imaxe á transmisión da lingua.
Facer simple o complexo
Da foto gañadora, o xurado valorou a capacidade como imaxe resumo para contar unha idea complexa. De xeito especial, destacaron os valores engadidos que achega a creación: a capacidade narrativa e a vontade de contar unha historia a partir dunha soa imaxe con naturalidade, conceptos moi sinxelos e sen necesidade de retoques.
Salienta ademais o xurado que esta fotografía implica ademais unha visión positiva e optimista. Suxire un valioso concepto de liberdade, falando con normalidade da elección, sen complexos, que unha persoa fai en favor da nosa lingua.