O concurso de tirapedras e a carreira de aros permitiron a mozos e vellos divertirse estes días na vila coruñesa.
Xogos tradicionais en Melide
Estes días 21 e 22 de Agosto celebrouse en Melide a II Festa dos Xogos Tradicionais da Terra de Melide, dentro da que se integraron a I Carreira de Aros e o II Campionato de Tirapedras da Galiza Central. Os organizadores cualificaron de éxito o evento, especialmente o Campionato de Tirapedras, onde participaron 61 persoas.
Igual que no primeiro ano, fíxose coincidir esta reunión dos xogos tradicionais coa festa do San Roque para fomentar a asistencia de veciños e visitantes. A organización correu a cargo da Sociedade de Pesca Deportiva Ponte Mazaira e a Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional. A partir das 12 horas do mércores, espazos da vila como a praza das coles ou a praza do convento evocaron aqueles lugares nos que se practicaban os xogos cos que os nosos veciños enchían o seu tempo de lecer anos atrás.
Preservar o patrimonio lúdico
Desde hai anos, a Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional impulsa diferentes feiras e mostras coas que pretenden preservar estes xogos, parte do noso patrimonio lúdico. Mediante a interacción entre os máis vellos e os mozos, estas xuntanzas permiten a transmisión de xogos que forman parte da nosa cultura popular e corren o perigo de desaparecer se non fose por iniciativas como esta.
Estes días de festa na vila coruñesa constituíron só un aperitivo de cara á II Mostra de Xogos e Deportes Tradicionais, capital indiscutíbel do xogo tradicional en Galiza, que se celebrará na localidade luguesa de Santalla, o vindeiro día 30 de Agosto.