Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
PAZ E ECHÁVARRI VENCEN NA CLASE TORNADO DE VELA

A primeira medalla galega en Beixín é de ouro

Os regatistas galegos realizaron unha gran "Medal Race", controlando en todo momento as diferencias cos seus perseguidores.

Redacción - 09:46 21/08/2008
Paz e Echávarri competindo

Paz e Echávarri competindo

Fernando Echávarri e Antón Paz fixeron bos os prognósticos que os colocaban como claros aspirantes ás medallas nestes Xogos Olímpicos de Beixín e decidiron ir mais alá, acadando o ouro.
Os galegos afrontaron a regata definitiva na primeira posición, cunha curta vantaxe sobre os australianos que conseguiron administrar na "Medal Race".

Fixeron unha espectacular saída que lles permitiu colocarse nas primeiros posicións dende o principio, dando como resultado unha gran primeira parte da regata. Unha vez asentados e con australianos e arxentinos por detrás adicáronse a dosificar esta diferencia, para rematar no cuarto lugar xusto por diante dos que eran os seus maiores rivais na loita polas medallas.

Premio a unha traxectoria espectacular
Este ouro é a guinda á espectacular traxectoria de Antón Paz e Fernando Echávarri dende que fai dez anos decidiron formar parella. Esta unión foi debida a unha cuestión de peso, por cambiar os dous de categoría, e o peso rematou por determinar o seu maior éxito, xa que os ventos lixeiros e inestábeis agardados para Beixín condicionaron a súa preparación. Pasar meses preparándose para competir con pouco vento, chegar a China ao límite do índice de graxa corporal e adaptar o seu material ás condicións esperadas foron algunha das medidas tomadas, que remataron dando o seu resultado.

Obtiveron a clasificación para Beixín despois de vencer no Campionato do Mundo celebrado en Cascais o ano pasado, pero o 2005 foi ata agora o seu mellor ano. Proclamáronse campións mundiais, europeos e estatais, recibindo como recoñecemento ao seu asoballante dominio o premio "Rolex World Sailor of the Year", que entrega a federación internacional de navegación.

Despois de romper en Atenas e, aínda así, chegar a un meritorio diploma olímpico, Antón Paz e Fernando Echávarri borraron este mal recordo no último suspiro, na derradeira participación da Clase Tornado nuns Xogos Olímpicos.


4,2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: