Poderemos ver o novo maillot do clube o 26 de agosto, durante a presentación da participación do equipo galego na 'Volta a España'.
Foron case dous anos de crecemento e de triunfos, con momentos estelares como os vividos o pasado verán na Volta a España, na que o Karpin GZ en conxunto e o teense Ezequiel Mosquera, tiveron unha actuación excepcional, ou nas vitorias acadadas nesta tempada na Volta a Turquía, a Volta a Catalunya ou na Clásica de Alcobendas. Pero a crise do mercado inmobiliario moveu a Valery Karpin a reducir varios dos seus investimentos, entre eles o realizado no clubr ciclista galego. A sociedade que xestiona o Xacobeo tomará o relevo, garantindo deste xeito a continuidade do equipo.
O 'Karpin GZ' será 'Xacobeo GZ' xa na Volta a España que comeza a semana que vén. En concreto, o martes 26, durante a presentación do equipo que o clube ciclista levará á Vuelta, presentarase tamén o novo maillot, que servirá para comezar a promocionar a celebración do Xacobeo 2010. En concreto, a Fundación Ciclismo Galego, titular do equipo ciclista profesional galego, ten acordado coa Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo o patrocinio do equipo para a "Vuelta Ciclista a España 2008" e até finais da presente tempada.
O padroado da Fundación Ciclismo Galego aprobou no mes de xullo a incorporación dun novo patrocinador do equipo ciclista profesional galego ata finalizar tempada, compatible cos patrocinios en vigor e co visto e prace de Valery Karpin SL., que finaliza o seu contrato no mes de decembro co peche de tempada.