O actual campión olímpico da distancia impón a súa superioridade, obtendo un crono de 3:58'756 e avantaxando en case dous segundos ao alemán Andreas Dittmer, outro dos grandes favoritos.
Cal non fixo unha saída explosiva, pero ao paso polos 250m xa ocupaba o primeiro lugar con comodidade. O de Cangas xestionou con intelixencia esta vantaxe, para chegar sen apuros na primeira posición, transmitindo unha sensación de fortaleza aos seus rivais, a pesar de ser a súa serie a máis lenta das tres disputadas.
Comeza así a participación das principais estrelas galegas nestes Xogos Olímpicos. A vindeira cita co C-1 1000 será na final do venres 22, ás 9:45 da mañá (hora galega). Agardamos que o actual campión olímpico da distancia realice unha boa proba, partindo co ouro como principal obxectivo.