A experiencia de Snowsill puido máis este luns que a traxectoria imparábel de Fernandes, que tivo que conformarse coa prata, o primeiro metal para Portugal nestes Xogos.
Comezou con relativa igualdade a proba do triatlón feminino este luns en Beixín, onde logo da natación e o ciclismo, a carreira a pé resultou decisiva para o resultado final. Nese treito, a atleta australiana Emma Snowsill destacouse axiña sobre as demais, finalizando primeira na meta cun tempo de 1h58'27''. Snowsill completa así un espectacular palmarés onde xa contaba con tres ouros no campionatos do mundo, anos 2003, 2005 e 2006.
Atrás dela chegou a triatleta portuguesa Vanessa Fernandes, quen con só 22 anos é a gran dominadora na actualidade das probas do calendario mundial desta especialidade. Con todo, desta volta a fortaleza de Snowsill no treito final da proba de Beixín foi insuperábel para Fernandes. Con todo, a triatleta lusa consegue así a primeira medalla para Portugal nestes Xogos. O bronce foi para a tamén australiana Emma Moffatt.