Durante a próxima quincena, convocan os máis novos a animar o verán dándolle duro ao pedal.
Nova fornada de ciclistas galegos
Este xoves día 14 arranca na localidade lucense de Chantada a II Volta + Nov@s, resultado da colaboración entre a Fundación Deporte Galego, a Fundación Ciclismo Galego e a Federación Galega de Ciclismo.
Trátase dun evento co que se busca potenciar o deporte de base nunha disciplina como o ciclismo, onde a súa extrema dureza e a falta de infraestruturas constitúen un enorme abismo entre a práctica afeccionada e profesional.
A carreira empeza ás 17:30 horas pero antes realizarase un percorrido polo núcleo urbán, no que os afeccionados locais poderán unirse aos competidores. A carreira desprázase ao Carballiño o día 20, para rematar en Vigo o 26. Participan mozas e mozos das categorías cadetes, infantís, alevíns e benxamíns.
Reforzo do I Circuíto Feminino Galego
A Volta + Nov@s comezou no 2007 como unha actividade máis do programa co que se conmemoraba a saída da "Vuelta" dende Galiza, pero tivo continuidade e está a medrar. Este ano recibirá o apoio do I Circuíto Feminino Galego nas categorías elite e júnior, outro paso máis no apoio ao deporte de base.