Prepárase unha gran festa na cidade para animar o seu olímpico, con vídeos dende Beixín e actuacións musicais procurando facer amena a espera.
O Concello de Ferrol leva adiante unha campaña de apoio ao seu veciño, que parte como principal favorito na proba de triatlón. Os actos comezaron o día 13 co reparto de 1.000 camisetas conmemorando a participación de Gómez Noya nos Xogos de Beixín. Durante a fin de semana abriuse unha carpa na propia Praza de Armas, onde se ofrece información tanto do ferrolán como dos outros 12 galegos que competirán en Beixín.Os actos foron presentados polo alcalde da cidade, Vicente Irisarri, e o concelleiro de deportes, Manuel Santiago. O primeiro edil ferrolán explicou a importancia do triatleta para a cidade, afirmando que se trata "dun exemplo de responsabilidade e sacrificio que representa os valores que queremos para a nosa sociedade".
A festa este domingo comezará ás seis da tarde, con actividades e agasallos para os máis pequenos, que se prolongarán até as nove da noite. A partir de entón todos a cear e repousar ben a comida, porque á media noite lígase a pantalla xigante. Comeza na Praza de Armas unha festa coas actuacións musicais de DJ Juan e os Focking Brothers, e vídeos en directo desde Beixín, que axudarán a matar o tempo ata o comezo da carreira.Ás catro da mañá empeza o percorrido de Xavier Gómez Noya e Iván Raña, que concluirá algo antes do amencer, hora na que as bombas de palenque deberían repenicar no ceo ferrolán. Para pechar a xornada, o Concello e a Asociación de Hostaleiros convidarán aos asistentes a recibir o día con chocolate e churros que, agardamos, teñan un sabor doce que acostuman.