Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
OCEANOGRAFÍA

A riqueza do litoral á disposición dos nenos

A Asociación de Oceanógrafos de Galiza organiza estes días "Efervesciencia na praia", unha iniciativa que quere achegar á sociedade as ciencias do mar.

Redacción - 09:30 19/08/2008

Un pasaporte acredita os coñecementos mariños destes pequenos viaxeiros. Para facerse acredores do seu uso, os nenos teñen que completar dez probas diferentes, unhas etapas nas que se achegan ao mundo do mar, aos seus fenómenos e á flora e á fauna que viven nel. Así, a partir deste xogo coñecerán a riqueza do litoral, aproximaranse á figura do oceanógrafo e profundarán na importancia do coidado do medio ambiente.

Esta fórmula é a que aplican nos areais galegos a Asociación de Oceanógrafos de Galicia (AOG). O colectivo vén de poñer en marcha esta iniciativa que recibe o nome de "Efervesciencia na praia", e que xa percorreu as praias de Covas (Viveiro), Santa Cristina (Oleiros) e Portonovo (Sanxenxo). Agora están n'O Vao (Vigo), onde colocarán as súas carpas modulares entre o 16 e o 19 de agosto. Centos de rapaces están a expresar o seu interese polo coñecemento do mundo do mar, e mesmo algún xa decidiu adicarse á oceanografía, segundo explica o presidente da AOG, Jorge de los Bueis.

Percorrido medio ambiental
As dez probas que os rapaces teñen que superar distribúense por carpas e contribúen ao seu coñecemento do medio. Nunha delas, por exemplo, os nenos poden xogar a ser investigadores por un día entrando en contacto coas especies do intermareal e aprendendo un pouco sobre os seus hábitos de vida. Noutra achéganse ás consecuencias que o cambio climático teñen na costa, como a acidificación da auga do mar. Nunha terceira estudan o fondo do mar, así como a súa composición a partir de area. Noutra destas carpas os pequenos comproban como cambia a perspectiva ao subir a unha embarcación, sobre todo como consecuencia dos movementos das ondas. Tamén aprenden a elaborar unha marioneta dunha medusa, ao tempo que comproban as particularidades desta especie. Asemade, investigan os organismos que viven nas rías galegas ou recrean o seu propio océano trasladado a un acuario. Finalmente, teñen a opción de participar na xestión dunha reserva mariña pesqueira onde probarán un modelos de desenvolvemento sostible ou achéganse á incorporación das novas tecnoloxías aos oficios marítimos.

Amais da AOG, esta experiencia conta coa colaboración das principais entidades e organismos de investigación e tecnoloxía mariña de Galiza. O evento está cofinanciado pola Fundación Española de Ciencia e Tecnoloxía (FECYT), a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e Augas de Galicia.


Ligazóns

4,86/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: