Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DEBATE SOBRE O FINANCIAMENTO NA REDE

A blogosfera do PSC arde: "Hai xestos que nos sitúan como unha colonia espoliada"

Os militantes socialistas cataláns esixen que se cumpran o Estatut, apoian a firmeza de Montilla e ameazan a Zapatero con retirarlle o seu apoio.

Marcos S. Pérez - 09:30 13/08/2008

A blogosfera socialista catalá é un dos grupos de blogueiros mellor organizados en todo o Estado, xa dende hai uns anos. Comandados por Miquel Iceta, voceiro do PSC no Parlament de Catalunya, que abriu o seu blog en xullo do 2004, na rede blogueira, moi activa, intégranse unha ducia de deputados do Congreso, outros tantos do parlamento catalán, así como alcaldes, concelleiros, cargos internos do partido e a meirande parte dos dirixentes das xuventudes do PSC. O conflito creado despois de que Zapatero incumprise o compromiso de reformar o mecanismo de financiamento de Cataluña segundo o aprobado no Estatuto de Autonomía está quentando a rede catalá, coa esixencia unánime de que o goberno español leve adiante as modificacións prometidas.

A reacción máis dura pódese ler no blog do secretario de acción política das Xuventudes Socialistas en Hospitalet, Néstor Cabañas, que escribe que "hai xestos que nos sitúan cada día como unha colonia espoliada por una metrópoli" e alerta que o peor é "a incomprensión, que nos afasta de España". Pola súa banda, J.M. Balcells, afirma que de non cumprir Zapatero a palabra dada, ""sentireime profundamente decepcionado, por non dicir traizoado" e conclúe "non quero pensalo. Estou convencido (...) de que non quererá xogar con lume, porque probabelmente xogaríaa nun próxima contenda electoral".

Tamén se dirixe directamente a Zapatero Joan Ferran, secretario xeral do PSC de Barcelona, que o presidente do goberno español "pasou polo Arco do Triunfo a lei e iso é pouco nobre; cheira á España rancia (...), a mesma España contra a que loitou o seu avó".

Dous dos asuntos que case todos os posts publicados tratan son a reacción de Montilla, apoiada de xeito unánime pola súa "firmeza" e "dignidade": "demostrou que Cataluña está por riba de todo. Ninguén o poderá acusar de se vender ao goberno de Madrid". E tamén a cuestión de se os 25 deputados que o PSC ten no congreso, e que até agora apoiaron sempre a Zapatero, seguirán facéndoo se non se resolven favorabelmente as reivindicacións de Cataluña en canto ao seu financiamento.

O vindeiro 5 de setembro, os 25 deputados reuniranse con José Montilla e Antoni Castells para decidir a súa posición e marcar distancias co PSOE. A este respecto, Roger Casero Gumbau, portavoz do PSC en Sarrià de Ter, afirma que o apoio aos orzamentos xerais do Estado dependerá do acordo sobre o financiamento. E o mesmo pensa Arnau Ramírez, concelleiro de Comunicació Institucional en Sant Feliu de Codines, que cre que a "estratexia da pedagoxía con España quedou obsoleta".


4,67/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: