O evento 'Ahoje é ahoje, Identidades partilhadas' comprende seis días de concertos, teatro, cinema e exposicións de artistas galegos, portugueses e mozambicanos.
Guardaste ontem o que só vais fazer amanhã?/ Só há um dia que está connosco/ Hoje!/ Ahoje é Ahoje! Así comeza o vitalista poema de Luís Carlos Patraquim que dá nome ás xornadas culturais luso-galego-mozambicanas que dende o domingo 10 até o sábado 16 se desenvolven en Maputo, e nas que Fran Pérez, Narf, ten un protagonismo especial. Non só é un dos organizadores, xunto con Mutumbela Gogo/Teatro Avenida, o Trigo Limpo teatro ACERT de Portugal, Prómédia, GESTO/Identidades, tamén portugueses, e o grupo musical mozambicano Timbila Muzimba.
A recadación das billeteiras servirá para mercar redes mosquiteiras para a prevención da malaria na comunidade de Massaca em Boane. Os artistas e grupos participantes actuan sen caché. As actuacións teñen lugar en distintos locais da capital mozambicana, dende o Teatro Avenida, o Centro Cultural Franco-Moçambicano ou a Associação Cultural da Casa Velha.
Narf xa actuou este domingo no espectáculo 'De Zigala a Zemambiquo', unha noite mozamportugalega na que interviron Timbila Muzimba, Mutumbela Gogo o grupo teatral portugués ACERT, así como outros músicos mozambicanos. Narf volverá subir ao escenario este mércores no Teatro Avenida, onde presentará xunto con Manecas Costa o seu espectáculo 'Alô Irmão'.
Os organizadores asumen o difícil obxectivo de construír un proxecto moi ambicioso dende a nada, e fano con optimismo e esperanza, "conscientes de que non se collen as troitas coas pernas enxoitas" e repetindo sobre todo o lema que dá nome ao evento, o 'ahoje é ahoje': ""não desejarmos que o futuro seja ontem ou que o sonho só nos encante quando a lua está cheia!".