Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Violento enfrontamento

Rusia e Xeorxia seguen o combate en Osetia do Sur e evitan a diplomacia

As respectivas delegacións rusa e xeorxiana nas Nacións Unidas rexeitaron o acordo para o cesamento do fogo.

Redacción - 09:30 09/08/2008

"Se non detemos a Rusia, mañá os seus tanques poden estar en calquera cidade europea", dramatizaba este venres o presidente de Xeorxia, Mijaíl Saakashvili, ao tempo que solicitaba a axuda da OTAN e dos gobernos occidentais.

As hostilidades comezaran coa entrada de vehículos blindados xeorxianos á capital de Osetia do Sur coa escusa de combater posicións de forzas separatistas en varias localizacións. Unha acción que provocou a fuxida de poboación civil cara á veciña Rusia. Posteriormente, outras rexións con vontade de independencia como Abkhazia ou Osetia do Norte enviaron forzas para axudar a frear o avance do exército de Xeorxia. A entrada directa de Rusia no conflito produciuse despois da intervención pública do presidente ruso, Dimitri Medvedev, quen autorizou a entrada en combate das forzas militares que Rusia mantén na rexión. Malia a confusión dos datos que chegan da zona, algúns medios informaron xa de máis dun milleiro de mortos, dos que a maioría serían civís.

A tensión entre Rusia e Xeorxia vén de lonxe, xa que desde hai case vinte anos os rusos manteñen tropas chamadas "de paz" en Osetia do Sur e Abkhazia que foron acusadas en varios momentos polo goberno xeorxiano de aliñárense cos "separatistas". De momento, a intervención internacional non conseguiu frear os enfrontamentos. O Consello de Seguridade da ONU reúnese sen éxito desde o venres pasado para tratar o asunto, malia que as delegacións de Rusia e Xeorxia bloquean até o de agora calquera xesto de pacificación. O escenario foi cualificado de grave pola Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa (OSCE), desde onde pedían con urxencia a negociación entre as partes. O presidente de quenda da institución, Alexander Stubb, ministro de Exteriores de Finlandia, advertiu de que os intensos enfrontamentos na zona poden derivar nunha guerra a gran escala.

Recomendámoslles o seguimento na BBC e na CNN


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: