O presidente do Sinn Fein, Gerry Adams amosou o seu pesimismo ante o proceso de paz no Ulster durante a asemblea de delegados do seu partido reunida o pasado domingo. Na mesma declarou que o proceso de paz está feito cachizas, adiantou que nalgún momento teremos que negociar un novo acordo e lembrou que o Sinn Fein segue comprometido co diálogo e coa retirada de todas as armas da política irlandesa. Así mesmo solicitou aos delegados que saísen á rúa para contrarrestar as presións dos unionistas sobre o goberno británico e situar ao Sinn Fein en mellores condicións para negociar un novo acordo e se dedicasen a preparar os comicios ao Parlamento británico do vindeiro ano.
Deste xeito a asemblea de delegados do Sinn Fein deu por rematado o marco político aberto en 1998 co Acordo de Stormont. Na reunión responsabilizouse do fracaso do mesmo ao Ministro para o Ulster, Peter Mandelson, nomeado por Blair, a principios de outubro, en substitución de Mo Mowlam, unha das deseñadoras do acordo, que os unionistas consideraban excesivamente favorable ás teses dos nacionalistas irlandeses.
A decisión de Mandelson de por en vigor a lei que suspendía a autonomía do Ulster, a pesar da proposta de desarme presentada polo IRA poucas horas antes do remate do prazo e que fora avaliada positivamente pola Comisión Internacional para o desarme, presidida polo xeneral De Chastelain, orixinou un estado de incerteza que se está a prolongar en exceso e camiña cara a conxelación definitiva dos acordos. Os beneficiados pola decisión foron David Trimble, que deste xeito evitou ter que presentar a dimisión ante o seu partido
(UUP) , e en xeral os unionistas que consideran ter recuperado o apoio de Londres.
Mais o estado de indefinición pode ser aproveitado polos opositores ao proceso de paz para poñer novas dificultades ao mesmo. As dúas bombas atribuídas ao IRA-C e os dous asasinatos cometidos por paramilitares lealistas, seica un axuste de contar, teñen engadido unha sensación de frustración entre os cidadáns do Ulster que ven como o seu masivo apoio ao Acordo, manifestado no referendo de maio de 1998 e nas eleccións da Asemblea do Ulster, non serven para consolidar a paz.
A suspensión do goberno autónomo ten provocado disensións entre os republicanos do Sinn Fein e os nacionalistas do SDLP , así como entre diversos sectores do Sinn Fein e tamén do IRA. A posición de Gerry Adams e Martin McGuinnes ao fronte do partido republicano mesmo chegou a poñerse en cuestión, aínda que semellan saír reforzados da asemblea do pasado domingo. A posibilidade dunha escisión seria no IRA segue sendo unha posibilidade, polo momento o Exército Republicano retirou a proposta que tiña presentado a De Chastelain.
O necesario xesto de Londres que permitise a recuperación do proceso tampouco semella doada. A retirada dunha parte substancial dos soldados británicos do Ulster foi rexeitada, con contundencia, por parte dos xefes militares das tropas alí destacadas e a posibilidade de iniciar a reforma da policía (RUC) é demasiado lenta e conta coa oposición frontal dos unionistas.
Os principais protagonistas (Adams, McGuinnes, Trimble, Mandelson) pasaron a pasada semana por Washington. Nas reunións suponse que os funcionarios da Casa Branca tería premido para salvar o proceso, aínda que se desbota a posibilidade do regreso do mediador Mitchell.
O tempo pasa e semella urxente algún xesto que indique por onde vai seguir o proceso, aínda que da asemblea do Sinn Fein desprendese que opta por un prazo algo máis longo ao centrarse nas eleccións do ano que ven ao Parlamento londiniense e consolidar así a súa forza electoral que lle permitiu pasar do 10% de 1982 ao 17% que obtivo nas eleccións á Asemblea do Belfast en maio de 1998.