Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Para dar a coñecer os olímpicos galegos

Os Bolechas tamén van a Beixín

A Dirección Xeral para o Deporte, Gadis e o seu creador, Pepe Carreiro, presentaron un álbum de autoadhesivos con todos os deportes olímpicos e parolímpicos.

Redacción - 18:26 07/08/2008
O álbum adhesivo d'Os Bolechas

O álbum adhesivo d'Os Bolechas

Coincidindo co comezo das Olimpíadas de Beixín, sae á rúa o álbum da campaña 'Os Bolechas, Beijing 2008', un traballo de autoadhesivos creado por Pepe Carreiro para darlle difusión aos distintos deportes olímpicos e parolímpicos, ademais de dar a coñecer a fondo a participación dos e das deportistas galegos nos Xogos Olímpicos deste verán.

O álbum chega aos quioscos con dúas follas de adhesivos e un carné personalizado, cunha tirada de 5.000 exemplares destinados aos máis cativos.

Na presentación do álbum o director de márketing da empresa Gadis (que colabora no proxecto), Antonio Cortés, revelou que se vai distribuír, nos supermercados da empresa e até o 14 de setembro, unha folla de cromos adhesivos, ao adquirir calquera dos seus produtos.

Cos Bolechas é máis doado achegar os cativos ao deporte
A escolla dos personaxes máis coñecidos de Pepe Carreiro para esta campaña conxunta responde, segundo indicou Cortés, "ao tirón que ten a familia dos Bolechas entre os rapaces e rapazas galegos/as, xa que así é moito máis doado achegar os cativos ao deporte". Tamén o propio Carreiro salientou que o obxectivo deste novo libro é "dar a coñecer os distintos deportes que se van practicar nas olimpíadas e nas parolimpíadas, xa que moitos deles son descoñecidos para os nenos e nenas, como pode ser, por exemplo, o boccia". Unha finalidade que Carreiro confía que sexa aproveitada para "fomentar" e "estimular" a participación dos máis pequenos no deporte, así como para implicar ao sistema educativo na necesidade de ampliar as horas de educación deportiva.

Finalmente, a máxima responsábel do Deporte Galego, Marta Souto, lembrou que este álbum está incluído no programa "Galiza, nos Xogos Olímpicos", promovido polo seu gabinete, e revelou que está sendo "recompensado polo enorme éxito" que está tendo entre os pícaros a colección dos Bolechas, tanto os libros como os calendarios e os imáns que se editaron.


3/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: