Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Lusofonía

Xestionado por Vieiros
RSS de Lusofonía
En Braga

A Universidade do Minho traballa para producir biocombustíbel a partir de residuos agrícolas

A partir de derivados do trigo, o centeo, a avea, a cebada e o millo elaborarían etanol.

Redacción - 18:00 07/08/2008
Un automóbil que funciona con etanol

Un automóbil que funciona con etanol

A Universidade do Minho (UMinho, en Braga) está a traballar no desenvolvemento dunha tecnoloxía de produción de etanol a partir de subprodutos ou residuos agro-industriais tales como o trigo, o centeo, a avea, a cebada ou o millo.

Segundo a Agência Lusa, a investigadora do Departamento de Engenharia Biológica da UMinho, Sandra Carvalho, adiantou que o etanol pódese elaborar a partir de "resíduos da agricultura e da produção de açúcar, nomeadamente da palha de cana-de-açúcar, bagaço de cana, melaços, e ainda de resíduos provenientes da industria de papel e cervejeira". Carvalho está a investigar, man a man, con José Teixeira, investigador do mesmo departamento, e con Inês Conceição Roberto, investigadora da Universidade de São Paulo, do Brasil.

Carvalho dixo tamén que esta nova tecnoloxía sería de considerar, posto que o aproveitamento de residuos ou subprodutos de agricultura non fai preciso ocupar terreos para a produción de biocombustíbeis, o que sería un paso máis no camiño para paliar a falta da alimentos, da que moitas veces é culpado o cultivo de cereais para producir estes combustíbeis. "A tecnologia emergente é ambientalmente limpa e permite a redução das emissões gasosas", acrecentou a investigadora portuguesa.

Se todo vai ben, falta unha empresa que llela merque
Alén diso, Carvalho salientou que a posibilidade de empregar varios tipos de residuos, non só dunha clase "torna esta tecnologia muito atractiva, apesar de não existir ainda em Portugal nenhuma unidade de produção industrial". Após o tratamento sairían dous tipos de etanol: o hidratado, que é utilizado como combustíbel de vehículo a alcol e vehículos "flex fuel"; e o anidro, que se emprega como osixenante da gasolina, como alternativa a aditivos altamente contaminantes, como o chumbo tetraetil e o MTBE, derivados do petróleo.

Para o equipo de investigadores luso-brasileiros, a rendibilidade deste proceso aínda se está a estudar, e variaría dependendo do volume producido. "Como se pode confirmar co exemplo doutros países, é posíbel", aseguran. O paso seguinte, segundo os investigadores, pasa por procurar empresas que queiran empregar esta tecnoloxía: "A utilização dos biocombustíveis, no futuro, é inevitável", conclúen.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: