Despois do tremendo impacto nas pantallas da curta billardeira O Gran Golpe, palanadores e palanadoras viaxan cara o sur este sábado para xogar un "abertiño".
Despois do tremendo impacto nas pantallas da curta da Liga Nacional de Billarda (LNB), O Gran Golpe (onde Ismael, o Zidane da billarda foi distinguido co premio do público ao Mellor Actor, no Festival On&Off polo seu papel de sherpa), palanadores e palanadoras viaxan cara o sur.
Este sábado, as billardas chegarán, contan dende a asociación O Varal, "cabalgando sobre a brisa africana na busca do refrescante mar de varados", cara o poderoso hemisferio sur galego, onde se desenvolverá unha moi especial e agardada edición das Festas de San Xoán de Río, que teñen, no seu programa, un Abertiño de Billarda.
"Concellos pequenos revolucións inmensas,", este é o pensamento da LNB e do seu comandante Xosé Miguel, que coordina este histórico primeiro estalo billardeiro en terras ourensáns. Intensidade inmensa tamén nas sesións preparatorias da pasada fin de semana, onde os embravecidos palanadores de San Xoán case rachan todos os cristais da vila. Como conta Xosé Miguel na súa crónica de avanzada: "Xa lles deixei varias billardas para que vaian practicando, o único é que se puxeron a xogar no medio da rúa e case rompen os cristais dun bar. Ao final farémolo nun pavillón que a praza do Concello queda algo pequena".
Ademais dos billardeiros no norleste, chegará a San Xoán de Ría parte da tribo coruñesa, representada no equipo do CS Atreu. O queixo, o viño e a bica, que serán os premios para o gañador, parece que atraen á xente. Quen desexe apuntarse non ten máis que mandar un correo a abelaido@hotmail.com ou chamar ao teléfono 627 780 891 canto antes, porque a cita é este sábado, ás 17:00 horas no pavillón da vila.