Comeza n'A Coruña o Festival Internacional de Teatro organizado pola asociación cultural Manicómicos.
O Festival Internacional de Teatro Manicómicos xa está aquí na súa edición de verán. É o momento para gozar da rúa e dos espectáculos ao aire libre que farán a delicia de todos os públicos.
Esta VI edición do festival estará composta por dúas seccións. A oficial ha contar con tres compañías de prestixio internacional como son os cataláns "Los Galindos", os andaluces de "Rolabola" e os londinenses "Bash Street Theatre" (grupo estrela do festival).
A sección off contará con oito compañías procedentes de Arxentina, Inglaterra, Galicia, Valencia, Madrid... Manicómicos trocará en teatros ao aire libre a Praza de María Pita, o lateral da Praza de María Pita (Praza do Marqués Sanmartín) e o Obelisco.
Do 7 ao 10 de agosto as rúas da Coruña coñecerán a maxia do teatro e o espectáculo.
Bash Street Theatre, do Reino Unido, será sen dúbida a compañía máis relevante desta VI edición do Festival Manicómicos. Esta compañía, que leva traballando no eido do teatro cómico e o circo desde 1991, trae consigo o espectáculo Cliffhanger (a real-life silent movie), unha verdadeira película de cine mudo en directo, con persecucións, policías, caídas, estoupidos, amor, bos e malos... Baseado na curtametraxe de Buster Keaton "O preso nº 13", recupera para todos os espectadores o auténtico sabor do inesquecible cine mudo de principios de século.
Rolabola traballa cunha ampla gama de pasarrúas circense e diferentes espectáculos que xurden para desfrute de todos os públicos: ambientación, música, vestiario, equilibrios, maxia e humor caracterizan o seu traballo. Plázidos Domingos é a nova aposta da compañía na que se fusionan a música en directo co circo e o teatro. A praza por onde sempre temos pasado transformouse, e sen que nos decatasemos, ou tal vez foramos nós os que mudamos... O circo adáptase á nosa praza até na música.
Los Galindos nacen en outono de 1991 ao atopárense artistas procedentes do circo e do teatro de rúa. Da man de Michel Dallaire, Los Galindos consolídanse como un referente europeo de circo de rúa, onde a técnica de circo está ao servizo do xogo dramático. A vitalidade e xenerosidade dos seus espectáculos conectou sempre con públicos de todas as idades e culturas. Nueva vida con José y María é un marabilloso e tenro dúo acrobático de equilibrios man a man, cun sensacional manexo de hula-hops.