Un feixe de ollos escrutan o ceo esta fin de semana municipio pontevedrás, que acolle o primeiro encontro de astrónomos afeccionados de Galiza.
Esta fin de semana ha ter lugar AstroGalicia '08, a astrofesta galega programada para os días 8, 9 e 10 de agosto en Forcarei. Asistirán expertos na materia e todos aqueles interesados. A localidade de Forcarei conta xa cun observatorio astronómico que dará cabida esta fin de semana a unha centena de profesionais e afeccionados, que poderán aloxarse no pavillón deportivo de Forcarei, segundo informa a organización na súa web.
Os afeccionados á astronomía inscritos en AstroGalicia 08 e todos os interesados poderán asistir ao coloquio de Ángel Gómez Roldán, redactor xefe da revista Astronomía, que amosará as fotografías da viaxe que ven de facer á China para ver a eclipse total de sol desta primeira fin de semana de agosto.
A esta primeira xuntanza tamén han acudir expertos de prestixio internacional como o ferrolán Xosé Luís Comellas ou o experto buscador de cometas Ramón Naves; o especialista de óptica astronómica Ángel Huelmo e o científico colaborador da NASA especializado en exo-bioloxía Daniel Mosquera tamén confirmaron a súa asistencia.
Entre as actividades programadas para a fin de semana, á parte dos coloquios e conversas, colocaranse telescopios para a observación solar e astronómica nunha convocatoria que nace este ano con vocación de seguir e consolidarse.