Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Nesta segunda fin de semana de agosto

Rock e indie por toda Galiza

Brincadeira, Artenativa, Castelo Rock, Festa dos Botes, o auténticoRock en Río, AlternaVigo... Algo ha de haber que che preste nalgún recanto do país.

Redacción - 09:30 09/08/2008

Outra fin de semana cargada de festivais. Os días oito e nove de agosto veñen cheos de concertos para todos os públicos, xa que dende o indie até o máis rockeiro poderán escoller entre máis de vinte e cinco grupos tocando esta fin de semana en diversos e variados festivais de verán. Poderás atopar festas en Vigo, en Ordes, en Valga e máis en Muros.

Rock in Río (San Xoán de Río, Ourense)
Esta fin de semana móntase o primeiro Rock en Río na parroquia de San Xoán do Río, en Ourense. Skacha, Skarnio e Cuchufellos este sábado nove ás 22 horas. Pola tarde haberá torneo de billarda no pavillón e animación cultural para os máis novos.

AlternaVigo
(Vigo)
Se o teu é o rock estatal e o heavy, atoparás este novo festival unha opción interesante. Por trinta euros de entrada anticipada para os dous días, verás actuacións de Barricada, os brasileiros Ratos de Porao, Cradle of filth, Gamma Ray, Dakídarra ou Fallen Sentinel, entre moitos outros. Consulta o cartaz e verás todas as actuacións que has atopar esta fin de semana no IFEVI de Vigo.

Castelo Rock (Muros, A Coruña)
A sexta edición deste festival que cada ano se supera en cartel, afluencia de público, instalacións e servizos. A ACRD Praia do Castelo presenta o venres a Lamatumbá, Nao, Jabón Blue e Salida Nula, mentres que o sábado estarán Barricada, Porretas, Kambotes e os locais Trapos Sucios. A novidade: este ano o festival alóngase até o domingo 10, coa actuación de Rosendo e máis cinco bandas de música para o I Concurso Deputación de A Coruña. A entrada é de balde, e haberá zona para durmir acondicionada no pavillón Miraflores de Muros. Os concertos, coma sempre, no peirao da Praia do Castelo.

Artenativa
(Valga, Pontevedra)
O festival indie do momento, onde poderás atopar entre outros a The Blows, Mequetrefe e Franc3s o venres e o sábado a Nadadora, Niño y Pistola ou Projecto Mourente. Sen pagar entrada, con zona de acampada, sesións de Dj's e mercadiño, esta fin de semana Artenativa, o festival indie de Valga.

Brincadeira
(Ordes, A Coruña)
Un festival completiño esta fin de semana en Ordes. Á parte dos concertos, nos que poderás ver a Amparanoia, Che Sudaka, Obrint Pas, Krakovia, Def con Dos ou O Chícharo Psicótico, entre moitos outros, tamén haberá festival de videocplis, exhibición de Arte na Rúa, concurso de Guitar Hero, zona de acampada e aparcadoiro, todo de balde. Consulta o cartaz para ver todos os grupos e a web para saber máis das actividades.

Festa dos Botes (Arzúa, A Coruña)
Á parte tamén poderemos gozar dende o venres da vinte e cinco edición dunha das festas locais máis senlleiras do país, a Festa dos Botes de Arzúa. Corrían os anos corenta cando a vila decidiu mudar os faroliños e as bandeiras das festas por latas, tixolas e potas como protesta pola situación represiva que se vivía no momento. Entre o 8 e o 10 de agosto han actuar a troupe de Festicultores, Banda Bassotti, Toñito de Poe, os locais Borderlain, Mu2, Arrasaloba... Á parte de celebrarse un campionato de ping-pong, o XI Xogo da Moka, tiro da corda, etc. haberá dj's, go-go's, charanga...

Mercado medieval (Mondoñedo, Lugo)
Tamén comeza este venres 8 a XVII edición do Mercado Medieval mindoniense. Mondoñedo ha mudar esta fin de semana nunha cidade do medioevo, con bufóns, condes, campesiños, feira artesanal, malabaristas... Coas actuacións do Circo Allegro, a Compañía Art-monium, Kote-malabar, Zancalino Produs e moitas sorpresas máis.

Festa do Viño da Casa (Saxamonde, Redondela)
A Asociación "Chan das Pipas" de Saxamonde organiza entre o 9 e 10 de agosto a I Festa do Viño da Casa, para reunir aos produtores domésticos de viño da parroquia de Saxamonde e arredores e que oferten os seus caldos aos visitantes. Xunto ao viño, han comer churrasco e empanada e gozar dunha programación que inclúe unha exposición de fotografía histórica da parroquia, un concerto de música folc e unha xornada de xogos populares e tradicionais.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: