Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Residuos dos peiraos que van ao mar

Vertedoiro portuario entre Ons e Sálvora

Agrupacións ecoloxistas e confrarías denuncian o verquido dos lodos procedentes dos dragados portuarios.

Redacción - 09:30 05/08/2008

Aceites, restos de pintura,hidrocarburos ou refugallos da industria. Estes son os residuos que os portos galegos derivan a un punto situado entre as illas de Ons e Sálvora. Así o denuncian diferentes agrupacións sociais, ecoloxistas e as confrarías de pescadores das Rías Baixas. Hai xa uns dez anos que se utiliza este lugar para verquer os lodos de dragado de diferentes portos, moitos deles cunha incesante actividade que xera inxentes cantidades de refugallos, como é o caso do porto de Vigo ou o de Arousa.

Estes materiais, cun alto contido en chumbo, son moi contaminantes. Xeralmente, non son pesados, o que fai que se dispersen grazas ás correntes do mar, que transportan as partículas en suspensión cara o interior das rías. As plataformas de defensa das rías de Arousa, Vigo e Pontevedra, a asociación ecoloxista Gaia, o Consello Regulador do Mexillón e as confrarías de Carril, Vilanova e A Illa denuncian o prexuízo ambiental destes verquidos, principalmente nunha zona próxima ao Parque Natural das Illas Atlánticas, así como o dano que está a causar nos recursos mariños.

Segundo denuncian, entre Ons e Sálvora xa se verqueron millóns de metros cúbicos destes lodos, unha situación que veñen denunciando dende hai tempo, pero que agora cobra nova relevancia ao coñecerse o verquido de novos residuos industriais e químicos procedementos do dragado do porto vigués.

O que se fixo sempre
Os colectivos denunciantes acusan aos poderes políticos de defender a recuperación das rías coa palabra, pero actuar na súa contra optando pola eficacia económica, xa que resulta máis barato levar os lodos ao mar que elaborar un estudo axeitado. A estas denuncias a única resposta recibida até o de agora é que se verte neste punto, porque "foi o que se fixo sempre".

Dende as entidades denunciantes esixen unha moratoria a este tipo de verquidos e que se opte por inertizalos, estabilizalos e deixalos en terra nun vertedoiro axeitado. Ademais, piden a elaboración dun estudo eco – toxicolóxico que profunde sobre as consecuencias e a incidencia que esta práctica está a ter sobre o medio mariño.

Doutra banda, reclaman un cambio na lexislación, xa que consideran á vixente obsoleta, e que se elabore unha normativa específica galega, que contemple a especificidade produtiva, biolóxica e oceanográfica da costa e preserve estes recursos. Tamén piden á Xunta que tome cartas no asunto esixindo estes cambios ó goberno español e, de ser necesario, que pida a transferencia de competencias neste ámbito.


Ligazóns

4,63/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: